Bloqueo ás portas de Navantia Ferrol para que se cumpran os acordos salariais do convenio do metal
Como xa estaba avisado, este luns continuaron as accións reivindicativas para que a empresas auxiliares de Navantia cumpran cos acordos salariais recollidos no convenio colectivo de siderometal da provincia da Coruña. Uns acordos que custou moito conquistar e que agora nin o persoal nin as centrais sindicais están en disposición de permitir que non se apliquen.
Neste ocasión, explicou o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, impediuse durante todo o día o acceso ao estaleiro de Ferrol do persoal das compañías Gabadi, Moncina, SEM, Masa Galicia, Pérez Torres e M. Blanco.
"A presión continuará sobre as empresas que non asumiron o compromiso de encadrar o seu persoal na actividade correspondente para pagar o plus de Navantia e cumprir así co estabelecido no convenio de siderometal da Coruña", advertía Vidal, lembrando que este mércores está convocada unha acción similar nas instalacións de Navantia en Fene.
Nesta loita polo cumprimento da legalidade, as organizacións sindicais teñen solicitada unha reunión coa asociación de empresas do naval público da ría de Ferrol para tratar esta situación e clarificar de vez que compañías están encadradas na actividade de aceiros.
Neste senso, Vidal volveu apelar á responsabilidade que ten Navantia -como empresa principal- no cumprimento dos dereitos do persoal das súas auxiliares. "É quen ten as ferramentas e a chave para pór orde dentro da industria auxiliar. Navantia sabe quen acode a unha licitación nas mellores condicións, sabe que empresa está encadrada en cada actividade e que convenio ten que aplicar", aseverou.