Bielorrusia. Un escenario arriscado

Concha Outeiro - 11 Set 2020

Os signos dos tempos lévannos a pensar que en Bielorrusia pretenden consolidar unha versión que presenciaramos en ocasións anteriores; revolucións de cores, flores e golpes suaves, sen ter que se adherir ao vello costume do golpe militar

 Desde a década de 1990, vimos un remuíño de movementos nos que a liberdade, o desenvolvemento e a democracia acompañaron o cabalo de Troia dun proxecto democratizador no mundo que se disfrazou camaleonicamente con nomes de cor e razóns de dereitos humanos, apoio legal e xustiza social. Para entendermos tal estratexia, botamos man da cimeira celebrada en París en novembro de 1990, base da organización, seguridade e cooperación entre países europeos, Estados Unidos e Canadá co obxectivo de acabar coa inestabilidade política e militar que durante anos enfrontaron a OTAN e o Pacto de Varsovia. Toda declaración de fundamentos ideolóxicos reflectía un programa de acción e tratamento institucional na procura da democracia e a liberdade. Os grandes conceptos que eufemisticamente acompañan sempre a imposición do libre mercado.

 Dado que a política do capital se basea na procura do beneficio económico privado, non resulta difícil imaxinar que esa cimeira non foi a primeira en se celebrar. 70 anos antes, en 1920, o Programa Democracia 19 sustentaba a lóxica globalizadora ideal e mística do imperio do comercio e o consumo industrial. A axenda consistía en garantir as condicións legais e militares que permitirían o desenvolvemento do statu quo estadounidense e situar os futuros enfrontamentos hemisféricos en áreas específicas, dependendo do lugar onde estivese en risco a estabilidade do mercado de capitais e os intereses das grandes financeiras.

 Un programa de primeira liña que confirmou a súa contemporaneidade en revolucións de cores ao promover unha vaga aenovada de democracia no mundo que sufriría a franquía do libre mercado; desde McDonald a CNN, pasando por todo tipo de corporacións mediáticas e monopolios en sectores produtivos.

 Para entendermos un pouco máis as complexas tácticas fabianas de interferencia occidental, sacamos á luz o traballo de Gene Sharp, creador do poderoso think tank estadounidense Albert Einsten Institute, coñecido polo seu extenso traballo en defensa da non violencia como loita contra o poder que promove o uso destas artes para democratizar o mundo. Un foro de vital importancia para influír en campañas independentistas como, entre outras, a polaca (1989) ou lituana (1990).

 Os signos dos tempos lévannos a pensar que en Bielorrusia pretenden consolidar unha versión que presenciaramos en ocasións anteriores; revolucións de cores, flores e golpes suaves, sen ter que se adherir ao vello costume do golpe militar. Unha variedade de xardíns multicores axeitados para cada espazo, aínda que os medios occidentais nos falen das súas diferenzas.

 A tensión está máis que servida. Por que se lle está botando este pulso aos eslavos? Alguén pode pensar aínda que terminou a Guerra Fría?

 A provocadora e infantil actitude norteamericana cara a Rusia (con submarino disuasorio incluído nas costas norueguesas) non sabemos como terminará, nin os movementos a desenvolver nas tres fronteiras pro-estadounidenses con Bielorrusia: Ucraína, Polonia e Lituania.

 O que si causa unha enorme preocupación é ver como ao longo da historia os pobos estiveron en mans de gobernantes que, lonxe de exerceren políticas honestas, se venden; corruptos e enredados nun desenvolvemento efémero e decadente.

 As elites con voz propia, envolvidas en eternas dicotomías entre soberanía, mercado e armamento esqueceron até o dereito á soberanía dos pobos veciños. En particular, os gobernos francés e alemán conclúen tácticas de penetración nos servizos de intelixencia e organismos de opinión pública. Gran parte da información que nos chega da actual Bielorrusia en conflito provén de mans do Instituto Bielorruso de Estudos Estratéxicos; laboratorio deseñado dentro da UE en defensa da seguridade ou The Associated Press ou AP (en español), axencia de noticias creada en USA con xornais en todo o mundo e que para temas como Bielorrusia non diferirá con EFE, Reuters ou a Axencia de franquías francesa.

 Faltaría máis, todo vale para establecer proxectos de goberno que protexan os intereses políticos e financeiros do mercado.

 

[Artigo tirado do xornal vasco Naiz, do 9 de setembro de 2020]