Batería de propostas da CIG para mellorar os permisos do persoal da Xunta de Galiza
A CIG presentou, no marco da negociación das modificacións da Lei de Emprego Público de Galiza, toda unha serie de alegacións que serán negociadas coa Dirección Xeral de Función Pública.
Entre as propostas da central sindical están a ampliación dos permisos de parto e da outra persoa proxenitora, así como a posibilidade para esta última, de flexibilizar o seu gozo e de poder amplialo en caso de hospitalización do neonato; o cómputo de todos os permisos en días hábiles e o seu inicio en día non feriado; o recoñecemento dos coidados domiciliarios de familiares a cargo como deber inescusábel; a ampliación dos permisos para asuntos persoais e da idade dos/as fillos/as como requisito para acollerse a distinto tipo de medidas de conciliación laboral e familiar.
A lei 2/2015 recolle no seu articulado todos os permisos, licenzas ou reducións de xornadas que poden ter as traballadoras e traballadores ao servizo da administración galega. A norma afecta, por tanto, a todo o profesorado, ao que se lle adapta esta lei, coas peculiaridades propias do colectivo, a través da orde de permisos e licenzas do persoal docente.
A Xunta presentou na reunión do pasado 17 de outubro a iniciativa de aumentar a 22 semanas o permiso por maternidade. A CIG considera un paso adiante a oferta da administración galega máis propón ir máis alá, tanto na duración deste permiso como na mellora dos permisos existentes. Así, presenta como alegacións ao texto da Xunta unha batería de medidas conducentes a reforzar e facer máis favorábeis para o profesorado e todo o persoal ao servizo da Xunta os permisos relacionados coa conciliación familiar.
Ampliación dos permisos de parto e da outra persoa proxenitora
Aínda que a CIG valora as diferentes ampliacións do permiso de parto (2 semanas máis neste ano e outras 2 até acadar as 22 semanas no 2019 coa proposta da Xunta) demanda un incremento maior e progresivo dos permisos de parto e da outra persoa proxenitora até acadar un permiso en ambos casos de 12 meses con carácter intransferíbel. Somos conscientes de que é preciso unha temporalización para acadar o noso obxectivo mais cremos que pode darse máis axiña. O permiso para o outro proxenitor tamén debe dar un salto importante para se equiparar co permiso de maternidade.
Cómputo dos permisos en días hábiles
A CIG propón que todos os permisos se computen en días hábiles e non en días naturais, como actualmente se fai para o permiso por falecemento, accidente ou enfermidade graves. Así, sábados e domingos non computarían e a maior parte dos permisos terían unha maior duración.
Inicio do permisos en días non feriados
Unha recente sentenza do Tribunal Supremo ditaminou que non se pode computar o primeiro día dun permiso se este é feriado. A CIG demanda que se aplique esa sentenza evitando deste xeito que se poida computar como día inicial dun permiso un día no que a traballadora ou traballador non ten actividade laboral. Esta proposta só tería sentido se a Xunta non acepta a nosa medida de que os permisos sexan computados en días hábiles. De se levar adiante afectaría aos seguintes permisos:
- lactación
- matrimonio,
- accidente ou enfermidades moi graves,
- parto,
- adopción ou acollemento,
- permiso para outro proxenitor por nacemento
Flexibilización do permiso para a outra persoa proxenitora
Solicitamos que o permiso para a outra persoa proxenitora poida desfrutarse parcialmente ou na súa integridade dentro do primeiro ano de vida da filla ou fillo e non necesariamente a continuación do nacemento. Así, propomos que se poida optar por collelo todo xunto dentro do primeiro ano de vida da crianza ou que poida collerse en dúas partes, unha xusto a continuación do nacemento e outra cando o solicite o outro proxenitor, sempre con ese tope do ano de vida.
Ampliación do permiso para a outra persoa proxenitora en caso de hospitalización do neonato
No permiso de parto a nai pode ver ampliado este permiso en casos de hospitalización do neonato en tantos días como este se encontre hospitalizado. Isto non acontece no caso do permiso para o outro proxenitor. A CIG demanda que se dea o mesmo trato a ambas persoas e teñan dereito a esta ampliación.
Recoñecemento dos coidados domiciliarios de familiares a cargo como deber inescusábel
A CIG solicita que se inclúa unha mención expresa ao carácter inescusábel que ten o exercicio de actividades vinculadas ao ámbito familiar como son os coidados domiciliarios de crianzas como obriga legal para nais e pais así como de persoas maiores dependentes a cargo da traballadora ou traballador. Deste xeito a atención a un fillo ou filla no noso domicilio por causa médicas xustificadas e sempre que tivese que recaer sobre nós en exclusiva como obriga legal suporía un deber inescusábel e un permiso xustificado.
Ampliación dos permisos por asuntos particulares
A CIG demanda que os permisos por asuntos particulares non estean supeditados á lexislación básica do Estado, recuperando o mínimo de 9 días mínimos para todo o persoal, cos incrementos actuais en caso de maior antigüidade. Esa ampliación dos comunmente chamados “moscosos” no ámbito xeral da administración debe vir acompañada dun aumento deste permiso para o persoal docente, que actualmente só ten 4 días (2 lectivos e 2 non lectivos xunto coas 24 horas de imprevistos).
Ampliación de 12 a 14 anos da idade dos fillos ou fillas como requisito para o goce de permisos, reducións de xornada ou melloras para a conciliación laboral e familiar
A CIG solicita que se amplíe até os 14 anos a idade dos fillos e fillas en todos aqueles casos nos que actualmente se requiren até 12 anos e que no caso do persoal docente afecta especialmente no caso da redución de xornada.