Basta de persecución patronal no sector da hostelaría
A CIG concentrouse na mañá deste venres diante dos xulgados da Coruña (situados na rúa Monforte) en solidariedade co compañeiro e coa compañeira a quen os empresarios de Cafeterías Herculinas denunciaron por exercer os dereitos fundamentais de liberdade sindical e reunión, e que finalmente ficaron absoltos por incomparecencia da acusación.
Este proceso haino que enmarcar no conflito laboral aberto a raíz das reclamacións do persoal de Cafeterías Herculinas para que se recoñeceran os seus dereitos e o despedimento dunha traballadora de Eme Taberna Contemporánea (un dos establecementos da compañía) despois de promover a celebración de eleccións sindicais e encabezar a candidatura da CIG. Tanto o despedimento como a persecución previa que sufriu a compañeira, que foi unha das persoas denunciadas polos empresarios, están recorridos no xulgado do Social.
Limitar os dereitos fundamentais
Con esta actuación, a CIG entende que os empresarios buscaban limitar o exercicio dos dereitos fundamentais e ao tempo amedrentar o persoal para que cese en calquera intento de reclamar o cumprimento do convenio colectivo e pelexar por unhas condicións laborais dignas. Pois non hai que perder de vista que o empresario alegaba sufrir unha situación de acoso debido ás mobilizacións que se fixeron diante dunha das súas cafeterías (Central Park) pola readmisión da traballadora e para denunciar a situación laboral nesta empresa.
Concentracións que, como lembra o compañeiro que foi denunciado, estaban debidamente comunicadas á Subdelegación do Goberno, contaron co habitual despregue de policía e transcorreron sen ningún tipo de incidente. A través destas mobilizacións queríanse denunciar publicamente os abusos laborais, a brutal persecución que sufriu a traballadora (que lle provocou caer de baixa) así como o seu despedimento, despois de ter que reclamar o dereito a conciliar, a cotizar e cobrar pola xornada efectiva de traballo e tras promover eleccións sindicais e presentarse na candidatura da CIG.
A CIG entende que único que buscan os patróns era limitar o dereito fundamental de liberdade sindical e de reunión recollidos na constitución, algo que de ningún xeito a CIG vai consentir. Finalmente, a acusación nin sequera compareceu no xuízo polo que o compañeiro e a compañeira ficaron absoltos.
Precariedade no sector
Na concentración deste venres tamén se quixo facer fincapé na precaria situación laboral que sofren o conxunto dos traballadores e das traballadoras do sector da hostelaría, con vulneracións constantes do convenio e a realización de horas extraordinarias e as infracotizacións como norma xeral.
Cotizar menos horas das realmente traballadas, alén de constituír unha fraude, supuxo que o persoal do sector se vise dobremente golpeado durante a pandemia, xa que ao estar nos ERTE estas infracotizacións implicaron que cobrasen moito menos paro do que deberían, obrigándoos a subsistir en moitos casos con ingresos de miseria.
Fronte isto, chamouse ao persoal do sector a organizarse e a loitar para conseguir unhas condicións de traballo dignas e que se respecten os seus dereitos laborais e salariais.