Axentes Medioambientais denuncian que dispoñen de menos medios humanos que nos anos 80
Afirman que dispoñen de menos medios humanos que nos anos 80 posto que o cadro de persoal de Axentes viuse reducido a pesar de ter unha carga de traballo que se multiplicou por 40 a través da normativa autonómica do sector e do incremento que houbo nos últimos 35 anos no número de incendios forestais. Denuncian ademais que o parque móbil está obsoleto, con vehículos de máis de 300.000 Km e máis de 10 anos de idade, e que carecen de elementos básicos coma son os rotativos prioritarios azuis tipo V1, algo fundamental para un servizo de emerxencias, ou que coa tecnoloxía existente se podería axudar e moito, na loita contra os incendios.
Critican que se gaste diñeiro público en convenios con medios estatais, como avanza a Xunta de Galicia no Pladiga 2016, pois estes cartos poderíanse investir en prevención en lugar de empregalo en organismos alleos á Administración Galega, que ao fin é a responsable da extinción do lumes forestais e reiteran que “seguen apostando por un dispositivo único e público”
Demanda de máis medios
Os axentes forestais aseguran que en pleno século XXI seguen dirixindo os lumes como no pasado, sen ningún tipo de novas tecnoloxías que faciliten o traballo na extinción dos lumes forestais, como podería ser unha tablet ou pc no que se podería volcar a cartografía oficial, ou algo tan sinxelo coma os datos nos teléfonos oficiais. “Isto non implicaría gastos a maiores pois xa se están pagando pero, por sorprendente que pareza, non están operativos”, denuncian.
Ao seu entender calquera destes medios axudaría a atallar un lume forestal a tempo, antes de que alcanzase a categoría de incendio forestal, facilitando moito o traballo no dispositivo de extinción de incendios.
Lembran que este colectivo réxese por un acordo de condicións de traballo de 2004 (que regulaba as condicións dos axentes forestais, pero que non é de aplicación para a escala de axentes medioambientais), caducado hai 10 anos, sen renovación de uniformes dende o 2008, e que a día de hoxe seguen mantendo para estes traballadores os niveis máis baixos da Administración Galega cando a responsabilidade que teñen no seu traballo é enorme. É algo que reivindican desde fai tempo, e non se obtivo ningunha resposta.
Ante unha próxima campaña de verán que prevén “complicada”, lémbranlle ás galegas e galegos a importancia de denunciar a actividade incendiaria e de adoptar comportamentos que minimicen a posibilidade de producir lumes forestais coma tirar cabichas ou prender lume no monte, mesmo para facer de comer.