Axentes medioambientais alertan de que o dispositivo contra incendios forestais non está preparado
As e os Axentes Medioambientais denuncian que no canto de profesionalizar o dispositivo único e público, volven atoparse no monte con empresas privadas, brigadas municipais, empresas semipúblicas, Protección Civil, militares, Bombeiros profesionais, etc..., todos eles baixo a responsabilidade dos Axentes Medioambientais nos incendios forestais.
“Todo este abano de diferentes medios fai pensar que a Xunta de Galiza está derivando a súas responsabilidades cara ás empresas privadas e outras administración públicas, e descargando a extinción dos lumes en medios alleos á Administración galega, como é o caso da UME”.
O anuncio dunha campaña complicada vén avalada pola ampla experiencia dos Axentes Medioambientais, xa que son os que dirixen a extinción do 99% dos lumes de Galicia. Condicións climatolóxicas adversas, vento forte do nordés e previsións de bo tempo fan que en pleno mes de maio se produzan incendios coma os acontecidos neste fin de semana pasado. “Lumes coma o do concello coruñés de Negreira que debido ás circunstancias climatolóxicas antes anunciadas propiciou que superara as 50 has. Ademais deste sucedéronse nesa mesma fin de semana lumes de menor importancia, coma foi o caso dos ocorridos nos concellos coruñeses de Lousame, Santiago e Cedeira e nos concellos pontevedreses de A Cañiza e Covelo”, explican.
Estes lumes amosan, ao seu entender, a alta actividade incendiaria que se ben dando asociada ao bo tempo. Por iso pídenlle ao Goberno autonómico que se aumente o número de efectivos para poder afrontar unha previsible campaña complicada, unha volta cara a un modelo público e profesional de extinción, así como unha suficiente e operativa dotación de medios.
Lembran que o dispositivo contraincendios está mermado e piden que se cubran as xubilacións e as baixas do persoal laboral e funcionario do SPDCIF, que é o que soporta o maior número de incendios de toda a península, especialmente no caso da provincia de Ourense.