Axentes forestais que participaron na última vaga de lumes levan case cinco meses sen cobrar
As organizacións sindicais que representan os axentes forestais e medioambientais -entre elas a CIG- denuncian que mentres que a Xunta ten cartos para pagar “anuncios propagandísticos” e para contratar empresas externas para que fagan o traballo que lles corresponde a estes/as funcionarios/as, “os profesionais que exerceron de directores/as de extinción no operativo da última vaga de lumes seguen sen percibir un só céntimo case cinco meses despois”.
Neste senso, as centrais acusan o Goberno galego de facer oídos xordos pese a que xa advertiran en varias ocasións que ía ser unha campaña de incendios complicada, ao tempo que lembran que solicitaron en varios escritos a renovación dunha orde de horarios que reducira o exceso horario que estes traballadores/as están obrigados/as a sufrir.
Esixímoslle á Xunta que retome as negociacións sobre as condicións de traballo iniciadas en 2017
“Esixímoslle á Xunta que retome as negociacións iniciadas en 2017 coas organizacións sindicais sobre as condicións de traballo destes funcionarios/as e que levan paralizadas dende o mes de decembro por decisión da dirección xeral de Función Pública pese que se comprometera a tela rematada o 1 de decembro dese ano”, explican.
Consideran que é hora de que lles paguen o que se lles adebeda xa que levan máis de 10 anos cun acordo de condicións de traballo “caducado e totalmente obsoleto, dado que o efecto do cambio climático está a provocar unha desestacionalización dos lumes, producíndose en calquera época do ano e sendo moito máis virulentos e perigosos, tal e como se puido comprobar no mes de outubro do ano pasado, cando tras ter rematado o período extraordinario tiveron que activar unha época de alto risco de xeito improvisado”.
Solidariedade coa folga na xustiza
Lembran que nese contexto o colectivo -actuando de xeito profesional “como xa o ten demostrado en numerosas ocasións” e arriscando a súa integridade para salvar o patrimonio natural galego, os bens e as vidas da poboación galega- respondeu interrompendo vacacións e libranzas e acudindo de xeito voluntario. “Xa é hora de que a Xunta pague o que debe e sente a negociar cara ao futuro”, sosteñen.
Finalmente trasládanlle a súa solidariedade cos compañeiros/as do sector da xustiza, “que vemos como día tras día teñen que sufrir os desprezos da Xunta e que incluso teñen que oír como os invitan a marchar de Galiza se non están contentos/as”. Deste xeito, amosan o seu apoio á folga indefinida que están a secundar, “obrigándoos/as a acudir a ela pola falta de diálogo desta Administración; postura que estamos atopando en todos os ámbitos, como é o caso da problemática que estamos a expoñer con respecto aos funcionarios/as axentes forestais e medioambientais”.