Axentes forestais e medio ambientais desconvocan a folga tras conseguir unha mellora das súas condicións
Axentes forestais e medio ambientais de Galiza veñen de anunciar a desconvocatoria da folga indefinida que iniciaban o pasado 25 de xullo, logo de que a última hora deste luns, día 8 de outubro, se chegara a un acordo na mesa de negociación coa administración.
A responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, valora positivamente os avances conseguidos. Lembra que a intención da administración, nun primeiro momento, era aumentar considerablemente o número de horas anuais traballadas e o número de gardas nun 50% e que , ademais pretendía establecer unha retribución directamente relacionada co traballo de extinción de incendios forestais, xunto cunha rebaixa xeral das condicións de traballo deste persoal.
Fronte a isto onte alcanzáronse unha serie de melloras que non terían sido posíbeis sen a mobilización continuada, iniciada o pasado mes de novembro en demanda da retirada destas propostas “abusivas”, e unha folga á que hoxe acordaron pór fin.
Melloras
Burgos salienta entre os avances conseguidos que a xornada máxima anual pasa das 2.000 horas que tiñan, a 1.665, coa posibilidade de reducir aínda a 1.554 ao ser traballadores/as a quendas.
Redúcense tamén o número de meses en gardas de 6 a 4; pasan a 10 horas as quendas de noite (antes estaban a 12); recoñécese o dereito a unha suba salarial progresiva en 3 anos, cun aumento de dous niveis e 60€ en tres anos polas especificidades do posto.
Isto xunto con apertura da posibilidade de flexibilización de xornada para facilitar a conciliación laboral e familiar e que será a administración que asuma os gastos de comida nas quendas de máis de 10 horas.
Zeltia Burgos lembra ademais que a Xunta pretendía poñer os períodos de garda discrecionais. Sinala que “con este acordo conséguese que a maioría queden prefixados xa do ano anterior” e que a mobilidade funcional, que até o de agora era obrigatoria, pase a ser voluntaria e regulada. Engade a isto que se comprometeron a regular a segunda actividade e libranza de dous días por cada festivo traballado.
Con todo, o máis importante, ao seu entender, é que a Xunta se comprometeu a instar ao Estado a que se establezan os coeficientes redutores para a xubilación anticipada en base a penosidade, toxicidade, traballo nocturno e a quendas e a especial responsabilidade.
Cuestións pendentes
Con todo a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica matiza que “quedan pendentes cuestións fundamentais como que se creen, cando menos, as 30 novas prazas comprometidas por Feijóo no Parlamento; que se activen as brigadas de investigación dos incendios forestais que se deixaron esmorecer para potenciar, fronte a estas de carácter técnico especializado, aos corpos e forzas de seguridade do Estado asumindo deste xeito competencias propias de Galiza”.
Sinala tamén que “quixemos condicionar a mobilidade funcional a que primeiro se cubran as vacacións por listas de contratación e que se cren estas prazas cunha porcentaxe máxima de persoal para mobilidade funcional para non desmantelar o servizo de conservación cando se producen os incendios forestais”.