Os axentes forestais e ambientais continúan a visibilizar unha folga indefinida marcada polos servizos mínimos
Os axentes forestais e ambientais da Xunta que están en folga indefinida dende o pasado día 1 de agosto para reclamar un acordo laboral que permita mellorar as súas condicións de traballo continúan a desenvolver accións reivindicativas, de reparto de información e de solicitude de apoio dos grupos parlamentarios da oposición para visibilizar un paro marcado por uns servizos mínimos do 100%.
O seu obxectivo é que a sociedade coñeza tanto as súas reivindicacións como o importante labor que desenvolven na defensa e protección do patrimonio natural galego, xa que cos servizos mínimos “desiguais e abusivos” decretados pola Administración “resulta difícil exercer o dereito constitucional de folga”.
De feito, o persoal do Servizo de Conservación da Natureza, adscrito á Consellaría de Medio Ambiente -uns 150 traballadores/as- decidiu adiar o inicio do paro co fin de garantir a súa seguridade até ter resposta do Xulgado perante a denuncia presentada contra uns servizos mínimos do 20%, xa que supón que unha soa persoa se teña que encargar de cada zona, cando normalmente se traballa en parella para evitar os riscos derivados do seu labor.
En canto ás súas reivindicacións laborais, dende o comité de folga (CIG e UGT) lembran que abandonaron a última reunión coa Xunta tras constatar a falta de propostas e de vontade negociadora, xa que a Administración pretende impoñer un acordo laboral que segue a manter un exceso de xornada (1700 horas anuais); quendas de garda de 12 horas presenciais durante a campaña de verán; aumento da xornada nocturna de inverno de 7 a 10 horas; non garante o período de descanso semanal de 48 horas consecutivas.; e non define a segunda actividade nin os coeficientes redutores da idade de xubilación.
“Logo do terrorífico mes de outubro de 2017 pola vaga de lumes que asolou os nosos montes, na que os axentes ambientais xunto co resto do persoal do SPDCIF se implicaron especialmente, a Xunta achegou unha proposta de novo acordo co que abría a negociación para a mellora das condicións de traballo que levabamos reclamando dende 2008, mais a súa pretensión dende o primeiro momento era aumentar a carga de traballo cunha suba salarial vinculada unicamente á extinción de incendios, sen ter en conta outras reivindicacións de condicións de traballo e saúde e seguridade laboral”, lembran.
Critican que todas as propostas presentadas pola Administración “obvian ou menosprezan” o traballo de xestión forestal (control de cortas, faixas de biomasa, montes veciñais en man común, etc.), vixilancia preventiva e educación ambiental na loita contra os incendios forestais, así como a investigación de lumes, eliminando as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais (BIIF ).
Tamén denuncian que na área de Conservación da Natureza os axentes ambientais perden masa salarial, “de xeito que non se garante a realización das gardas nas mesmas condicións que o persoal de extinción”, e tamén ven recortados os dereitos de conciliación, vacacións permisos e licenzas. Ademais, créase unha mobilidade funcional para cubrir os incendios forestais, “co que este persoal abandonaría as súas funcións de custodia da riqueza natural do país”. En definitiva, tal e como veñen advertindo, produciríase o desmantelamento efectivo deste servizo público de defensa e protección do patrimonio natural galego.
Por isto, dende o comité de folga rexeitan a diferenciación en masa salarial entre axentes, así como a mobilidade funcional e a separación do persoal entre válidos/as e non válidos/as para a extinción. “O único xeito de igualar funcións e tarefas de axentes de cara ao mantemento do servizo é retribuír as especificidades do traballo en todas súas vertentes no complemento específico, de xeito que estea integrada a penosidade, toxicidade, nocturnidade e especial responsabilidade”. O contrario -sosteñen- é menosprezar o traballo deste colectivo, creando divisións nas retribucións e mesmo beneficiando a outros colectivos sen arraigo profesional e social no monte.
“Cando vemos as inxentes cantidades de diñeiro que se gastan en drons, cámaras, material para a AXEGA, exército, etc. sorpréndenos que non se acepten as reivindicacións en prol da mellora dun servizo público único, xa que temos que lembrar que a dirección técnica de extinción de incendios a realizan os axentes ambientais, e que canto máis atomizado e máis empresas dependan do lume máis problemas haberá para desmontar a vinculación negocio-incendio”, rematan.