Avánzase na negociación do plan de igualdade de Bolton Food, empresa cunha fenda salarial do 38%
A FGAMT-CIG do Salnés valora moi positivamente que se teña logrado avanzar na negociación do plan de igualdade de Bolton Food, con centros de traballo no Grove, Cabo de Cruz e Vilaxoán, empresa do sector conserveiro na que traballan unhas 700 persoas e na que existe unha diferencia salarial entre homes e mulleres do 38%. Tras o acordo alcanzado hoxe no SIMA, organismo estatal encargado da solución extraxudicial de conflitos laborais, a compañía terá que entregar a documentación pendente de auditoría retributiva e de valoración de todos os postos de traballo.
Tras 15 anos de constantes bloqueos na negociación do plan de igualdade por parte da empresa, a CIG optou por levar o asunto ao AGA, aínda que finalmente foi o SIMA o que o asumiu porque Bolton Food ten tamén un centro de traballo en Euskal Herria. Agora a empresa deberá de achegar a información pendente de análise, principalmente vinculada ás diferenzas retributivas e á valoración de postos de traballo.
Mar Vila explica que a fenda salarial existente, segundo os datos aportados pola propia empresa, supera o 38%. “Pese a isto, a dirección leva anos intentado ocultar os datos necesarios par adoptar medidas efectivas que corrixan estas desigualdades e realizar análise exhaustiva das posíbeis discriminacións existentes na explicacións dos sistemas de clasificación profesional do convenio ou nas asignacións de persoas a postos de traballo e/ou categorías en función de se son mulleres ou homes”.
Vila lembra que no propio convenio colectivo do sector recoñécese a existencia de discriminacións na aplicación da clasificación profesional. “A fenda detectada nesta empresa, así como noutras da conserva vén a reforzar a necesidade de avanzar na modificación da clasificación profesional do convenio colectivo, garantindo que non xere diferenzas nas empresas por razón de xénero”.
Seguiremos a loitar pola equiparación salarial
Ao mesmo tempo, sinala que a resolución do conflito con Bolton Food pasa porque a empresa facilite toda a documentación que está obrigada a aportar segundo a normativa vixente e adianta que “na FGAMT-CIG continuaremos a loitar e a traballar pola equiparación salarial entre mulleres e homes no sector conserveiro”.