A representación social advirte de novas mobilizacións na Inspección de Traballo polos incumprimentos do Goberno
A representación do persoal na Inspección de Traballo e Seguridade Social advirte que o conflito continúa aberto e encarando unha segunda fase de mobilizacións, ante o reiterado e inxustificado incumprimento por parte do Goberno español do acordo de melloras asinado en xullo de 2021. Antes de concretar un novo calendario de accións de protesta, a representación social vai presentar este mércores, de maneira formal, unha denuncia ante a Comisión Europea polos incumprimentos do Executivos vinculados á ITSS.
Critican que logo das tres xornadas de folga non se teñen producido avances na posta en marcha das medidas que precisa, con urxencia, o organismo. Neste senso, explican que a Dirección Xeral convocou unha reunión para a tarde do 29 de marzo, "aínda que da orde do día non parece desprenderse ningunha posibilidade de tratar aquelas cuestións que están na orixe do problema que se arrastra que non é outro que o incumprimento do acordo subscrito entre o Ministerio de Traballo e Economía Social e a representación dos traballadores/as o pasado 7 de xullo de 2021".
Un incumprimento que, engaden, "pon en cuestión calquera compromiso deste Goberno de reforzar ou fortalecer a ITSS, que deixa en dúbida os compromisos recolleitos no Plan Estratéxico da Inspección de Traballo e Seguridade Social 2021-2023 (BOE 3/12/2021) así como os que afectan a compoñente 11 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia".
De feito, transcorridos máis de 20 meses desde a sinatura do acordo, non se concretou ningún dos aspectos pactados por parte do Ministerio de Traballo e Economía Social e non existe información sobre o bloqueo provocado polo Ministerio de Facenda e Función Pública. Ante esta nula vontade política por parte do Goberno de dar solución ás deficiencias "que, cada día con máis intensidade, se poñen de manifesto na Inspección, decidiuse por parte das organizacións sindicais dar o paso de denunciar en Europa, diante dunha situación que pon en risco o funcionamento e a existencia da institución".
Mobilizacións, accións reivindicativas e folga en maio
Doutra banda, a plataforma sindical xa adianta que está a deseñar unha segunda fase de mobilizacións e xa está previsto nas próximas semanas a realización de asembleas informativas de traballadores e traballadoras.
Nestas proporase o inicio dunha nova convocatoria de folga no mes de maio, "que nacerá coa vontade de transformarse en indefinida antes do verán se os ministerios implicados e o Goberno seguen no empeño de manter a Inspección de Traballo e Seguridade Social na súa actual situación de precariedade".
Para o mes de maio tamén se buscará trasladar á rúa o conflito existente con concentracións e manifestacións, e intensificalo en cada un dos centros de traballo con outro tipo de medidas, como peches.