Avanzan as negociacións no ERE do Santander sen ter en conta a situación do persoal afectado en Galiza
Delegadas e delegados da CIG concentráronse este xoves diante do centro de coordinación do Popular-Pastor contra o ERE que pretende aplicar o Santander nesta entidade. A central sindical denuncia que as negociacións seguen avanzando sen ter en conta a realidade das persoas afectadas nos centros de traballo en Galiza, xa que o persoal procedente do Popular parte de salarios menores.
A nivel galego son 179 as persoas afectadas, 157 delas no centro de Beiramar, na Coruña. En total 53 persoas, con máis de 55 anos. Coñecendo a situación da rede a CIG-Banca entende que sería moi doado recolocar a arredor de 100 persoas nas oficinas, pola carga de traballo polas saídas que se están dando. Con todo, matiza que “se o Banco abrise a oferta de prexubilaciónas para o persoal da rede, hoxe o pase á subcontrata sería innecesario”.
Ademais, hai 12 persoas que para os seguintes dous anos cumpren os 55 anos, polo que poderían marchar no Plan de Restruturación de oficinas que o Santander xa prepara. Unha circunstancia que entende que se debe ter en conta na negociación.
Ademais, indica que hai vacantes provocadas polas saídas na rede. A este respecto advirte que “a situación de incerteza sobre o futuro ten un custe para o banco, incapaz de reter o talento”. Engade ademais que leva tempo marchando xente para outras entidades e agárdanse máis saídas nos próximos meses.
Contra a subcontratación
A CIG-Banca entende ademais que non ten lóxica a subcontratación, e moito menos na situación actual, coas oficinas deficitarias de persoal e con contratos temporais cubrindo postos estruturais.
Xunto a isto considera que a subcontratación non garante o futuro xa que o Banco non dá garantías e ninguén as reclama na mesa. Por iso pregúntase que pasa se ao pechar as oficinas baixa a carga de traballo ou se venden a empresa.