‘Avances’ en conciliación: nin permiso parental retribuído nin lactación acumulada
Delegadas e delegados da CIG mobilizáronse nas sete cidades para denunciar a fraude do Executivo español nos supostos avances nos dereitos de conciliación. Aínda que no preámbulo do RDL 2/2024 (validado no Congreso o pasado 20 de xuño) se afirma que mediante este decreto o Estado incorpora todas as esixencias marcadas pola Directiva Europea 2019/1158 de conciliación da vida familiar e laboral, o certo é que “o permiso parental segue sen estar retribuído”.
A secretaria confederal das Mulleres, Nicolasa Castro, lembrou que a UE esixe que se atenda o custe económico asociado aos permisos de coidado, incluíndo este permiso parental “que ten que ser diferenciado dos vinculados ao nacemento”. Denunciou que con este decreto semella que o Goberno español fai “un intento de lavar a cara”, mais sen asumir a prestación compensatoria vinculada ao goce do permiso parental para “cumprir así realmente cos deberes marcados desde Europa”.
Para Castro esta simulación carece de sentido cando “o que cómpre é abordar a materialización deste dereito e deseñar uns dereitos para a conciliación amplos e suficientes”. Lamentou que, no relativo á lactación, o Goberno español perdera a oportunidade de blindar e estender a protección do permiso de lactación acumulada para cada persoa proxenitora concretando a súa duración nos 28 días.
Unha duración “anunciada pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, a viva voz pero que nunca apareceu concretada neste RDL”. De feito, o único que muda é a vinculación dos termos e do goce deste dereito ao pactado na negociación colectiva, fortalecendo minimamente o dereito das persoas traballadoras á lactación acumulada, mais sen establecer como nin a súa duración. “É dicir, na práctica unha modificación con impacto case nulo na mellora dos dereitos de conciliación que só resolve unha cuestión discutida xudicialmente”, aseverou.