Autos Morán e Arriva teiman en dilatar unha solución para o persoal non subrogado
Este venres estaban marcados os xuízos de cinco dos nove traballadores procedentes de Arriva Noroeste subrogábeis para o servizo de transporte por estrada Viveiro-Ribadeo, pero que no foron asumidos pola UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez cando se fixo con este contrato en agosto pasado. Como era de agardar, ambas empresas seguiron a mesma estratexia de dilación empregada nos dous xuízos previstos para o 11 de decembro, e solicitaron suspender as vistas.
Por iso, os traballadores/as afectados/as e membros da CIG trasladaron a protesta que tiñan previsto realizar diante dos xulgados ás portas do edificio administrativo da Xunta en Lugo, onde denunciaron tanto o incumprimento das garantías de subrogación comprometidas pola Consellaría de Infraestruturas tras a folga do transporte como as manobras das dúas empresa demandadas.
Dilación inxustificada
Dende a FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña critican o proceder das compañías de autobús, pois solicitaron a suspensión dos cinco xuízos por extinción de contratos, a pesares de que xa recibiron a documentación completa do expediente da Xunta e cando seguen sen facilitar a información que se comprometeran a achegar durante os preitos suspendidos o pasado luns.
"Claramente as empresas continúan xogando a facer medrar as consecuencias deste conflito para prexudicar a aquela empresa que poida saír condenada e, a súa vez, tentar alongar a resolución deste conflito pola vía de pasar o tempo", subliña Christian López, secretario comarcal da FGAMT-CIG.
A este respecto apuntou ás manobras que están a dar entre as distintas empresas do sector para acadar unha posición estratéxica de cara ao gran proceso de asignación de contratos do ano 2019.
A Consellaría, cómplice necesaria
Para a central sindical, a suspensión solicitada polas empresas abre un tempo adicional para que a Consellaría e as persoas responsábeis da mesma "actúen nas garantías comprometidas ao persoal do sector e deixen de ser monicreques e cómplices necesarios das empresas incumpridoras".
Neste senso, López lembrou que a reanudación dos xuízos non terá lugar até finais de xaneiro, abril e maio do próximo ano. Á vista desta situación, o persoal afectado pola non subrogación pediu esta mesma semana a formalización dunha reunión coa Consellaría de Infraestruturas e que se lles dea traslado do expediente completo relativo ao rescate da concesión (que a comisión de seguimento encargada de supervisar o cumprimento do Plan de Transportes da Xunta acordou arquivar a mediados de novembro). Porén, até o momento non houbo resposta de ningún tipo.