Autonomía, estado libre, república galega
A recuperación de competencias polo Estado mediante novos mecanismos centralizadores, aproveitando a entrada na UE e a globalización neoliberal, fóronlles restando capacidade ás autonomías. Daquela que a cuestión nacional sexa aínda un problema non solucionado, un tema de conflito, unha loita a prol dun obxectivo básico do pobo galego
O 28 de xuño cúmprense 88 anos da aprobación en referendo do Estatuto de Autonomía da Galiza durante a 2ª República. O texto recoñecía o noso país como unha “rexión autónoma no Estado español de acordo coa Constitución da República e o presente Estatuto”. Unha das particularidades é que permitía a incorporación posterior de territorios limítrofes “con características históricas, culturais, económicas e xeográficas iguais”, en clara referencia ao Bierzo, á zona galego falante de Asturias e da Seabra en Zamora (hoxe practicamente non se trata este tema, mesmo no soberanismo galego).
Aquel Estatuto era un paso adiante, mesmo respecto do actual neste aspecto, aínda que estaba moi por debaixo das reclamacións do galeguismo da época, como o presentado polo Seminario de Estudos Galegos na asemblea de concellos na Coruña, o 4 de xuño de 1931, que proclamaba no 1º artigo: “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. Non esquezamos que con antelación a Asemblea Nazonalista de Lugo no ano 1918, convocada polas Irmandades da Fala, redactou un programa soberanista, no que se valora que, “sendo Galiza unha nación, o termo nacionalista reflicte mellor que o de rexionalismo o movemento iniciado polas irmandades”.
Ademais, na Asemblea de 1918 reclamábase: “a autonomía integral para Galiza (...) unha soberanía completa e sen cativezas (...) federación da Iberia, e dentro desta federación igualdade de relacións con Portugal; igualdade de dereitos para a muller; eliminación das deputacións provinciais; sufraxio universal e sistema electoral proporcional; réxime tributario sen intervención do poder central; nacionalización dos ferrocarrís; eliminación do exército permanente”, etc. Estas propostas non eran unha novidade, porque xa que no Proxecto de Constitución para o Estado Galaico de 1887 se afirmaba: “Esta rexión eríxese en Estado autónomo ou soberano, e adopta a forma democrática republicana para o seu Goberno”. Lembremos que este texto foi redactado por unha asemblea de federalistas galegos (rexionalistas-nacionalistas) en tempos da rexencia por María Cristina da Monarquía. Polo tanto, as reivindicacións de autogoberno veñen de lonxe.
A reconquista da capacidade para decidir foi alentada na Idade Contemporánea por sucesos como que o antigo Reino a Galiza recobrase transitoriamente a plena soberanía, como consecuencia da invasión napoleónica e o levantamento popular. Neste marco constituíse unha Xunta Suprema, que negocia en pé de igualdade con outras nacións europeas e forma un exército propio. Despois veu a reacción conservadora. Mais, axiña colleu novo pulo polo rexeitamento popular que causou a eliminación do antigo réxime en 1833, seguindo as teses do auxe do centralismo en Europa, e como contrapartida o reaxer dos movementos nacionais a mediados do século XIX. No Estado español a reforma de 1833 elimina o Reino de Galiza e a súa unidade administrativa, ignorando a singularidade nacional. Esta foi unha razón central para o levantamento cívico-militar de 1846, no que Antolín Faraldo caracteriza no voceiro da insurrección, “Revolución”, a Galiza como unha colonia da Corte.
O papel que tiveron as clases populares na loita contra ditadura condicionaron a transición tamén na cuestión nacional, e ademais non se podía obviar os avances neste tema durante a 2ª República. A solución non foi a máis xusta para as “nacionalidades históricas”. Co café para todos, alargando o estatuto mesmo a aquelas “rexións” que non reclamaban, quíxose evitar recoñecer o carácter plurinacional e un estado confederal. Ademais, a recuperación de competencias polo Estado mediante novos mecanismos centralizadores, aproveitando a entrada na UE e a globalización neoliberal, fóronlles restando capacidade ás autonomías. Daquela que a cuestión nacional sexa aínda un problema non solucionado, un tema de conflito, unha loita a prol dun obxectivo básico do pobo galego.
[Galiza, 10 de xuño de 2024]