Autobuses Freire SL despide a un traballador por presentarse como candidato da CIG ás eleccións sindicais
A empresa Autobuses Freire SL comunicou o pasado día 26 de febreiro o despedimento a un condutor que fai a liña Santiago-aeroporto por suposto baixo rendemento. Casualmente a decisión da empresa produciuse ao día seguinte do traballador asinar a candidatura da CIG para presentarse nas eleccións sindicais. A mesa constituíase este luns e non figura no censo a pesar do traballador ten presentado papeleta de conciliación reclamando a nulidade. Por iso a CIG anuncia que impugnará estas eleccións perante a Inspección de Traballo.
A FGAMT-CIG considera inadmisible semellante atropelo á liberdade sindical e anuncia ademais unha campaña de presión para exixir o respecto á libre decisión das traballadoras e traballadores para presentarse ás eleccións sindicais, por consideralo tamén un ataque directo á central sindical.
A empresa xustificou na carta de despedimento baixo rendemento cando se trata dun traballador a quen a empresa lle debe días de descanso por exceso de xornada nos últimos meses. Un traballador que, segundo explica a FGAMT-CIG, ten ademais unha discapacidade, o que obrigará a Autobuses Freire a devolver as cantidades bonificadas en concepto de subvención pola súa contratación. Autocares Freire é unha empresa coñecida no sector polos seus incumprimentos e pola falta de respecto á liberdade sindical.
Para a FGAMT-CIG este comportamento recorrente é tanto máis grave tendo en conta que o servizo que presta Freire está concesionado pola administración, polo que exixe que a consellaría de Mobilidade adopte medidas dado que está en marcha a nova concesión do transporte interurbano escolar ao que concorre esta empresa.
No caso particular da liña Santiago-Aeroporto, esta terá que pasar á concesión de transporte urbano. Pese a terlle solicitado desde o concello en diversas ocasións, Autobuses Freire non facilitou os datos do persoal que prestaba servizo nesta liña, limitando así o seu dereito á subrogación. O traballador despedido, en concreto tiña dereito á subrogación, que podería perder de ser definitivo o despedimento, polo que desde a CIG anuncian que non aceptarán nada que non sexa a inmediata readmisión deste traballador.