Aumenta por cuarto ano consecutivo o boicot ás reválidas que supera o 80% nos centros galegos
Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público de Galiza (PGDEP) concentrábanse este mércores diante do Parlamento de Galiza coincidindo co inicio das probas de reválida en 3º de Primaria, que continuarán este xoves. Segundo os seus datos, o rexeitamento a estas probas aumentou por cuarto ano consecutivo, superando o boicot o 80% nos centros do país. Por iso a Plataforma parabenizou ás familias que fixeron un esforzo de conciliación e non enviaron masivamente hoxe aos centros ao alumnado. Así mesmo, agradeceu o apoio do profesorado e dos equipos directivos durante este boicot informando á comunidade educativa fronte á campaña de desmobilización da Consellaría de Educación.
Por cuarto ano consecutivo o rexeitamento á LOMCE e en concreto ás reválidas incluídas nesta lei foi practicamente unánime, aumentando o boicot a cifras superiores ao 80% de absentismo nestas probas que se iniciaban hoxe en todos os centros de Galiza para o alumnado de 3º de Primaria. Galiza segue sendo, polo tanto, o territorio do Estado máis combativo con esta norma por parte da comunidade educativa.
Coincidindo co inicio destas probas “avaliadoras”, membros da PGDEP, concentráronse diante do Parlamento galego para esixir a derrogación definitiva da LOMCE e a creación dunha Lei Galega de Educación. Durante a mesma, o vicepresidente de ANPAS galegas, a maioritaria na comunidade, destacou o enorme esforzo feito hoxe polas familias “que tiveron que organizarse para poder conciliar e non enviar os seus fillos e fillas aos centros”. Fernando Lacaci explicou que este rexeitamento “cara unhas probas, que o único que introducen é un nivel de estrés entre o alumnado, é totalmente maioritario entre as familias que presionaron para que non teñan ningún valor académico como se pretendía nun primeiro momento desde o Ministerio”.
Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, parabenizou especialmente o profesorado polo seu papel fronte á campaña de desinformación da Consellaría de Educación “que pasou neste último ano de pretender amedrentar as familias que boicoteaban as reválidas a restarlle importancia ás probas”. “O certo é que o mantemento das reválidas por parte da Xunta de Galiza supón un gasto económico absolutamente innecesario que só beneficia a algunha empresa privada e para nada redunda nun beneficio para o sistema educativo galego”, apuntou.
Desprezo da Xunta ao profesorado
Con estas probas, o que se demostra –en palabras de Suso Bermello- é que “a Consellaría de Educación despreza absolutamente o traballo do profesorado e o valor que ten a avaliación continua no seu traballo diario co alumnado”. “Esta é unha mostra máis da desvalorización que fai a administración do noso traballo e da nosa capacidade avaliadora, que se une a outras actitudes como o mantemento dos recortes orzamentarios e de persoal nos centros, especialmente dos profesionais destinados á atención á diversidade”, sentenciou
Continuidade no boicot a vindeira semana
A Plataforma agarda que tanto mañá, que será o segundo día de reválidas, como a vindeira semana se manteña o éxito deste boicot. No caso das avaliacións finais de Primaria e da ESO, programadas para os días 29 e 30 de maio, xa non serán de carácter universal senón que se cinguirán a un número concreto de centros escollidos pola Consellaría de Educación. Na liña do escurantismo co que actúa o goberno galego neste asunto, neste momento aínda se descoñece o número exacto de colexios e institutos seleccionados e os criterios empregados para a súa elección.