Aumenta o número de persoas beneficiarias do Plan de Axuda Alimentaria da CIG
O Plan de Axuda Alimentaria Solidario da CIG que funciona dende hai anos en distintas localidades do país está ampliando a súa cobertura como consecuencia da crise derivada da pandemia do novo coronavirus e ante a falta de resposta dos Gobernos español e galego á grave situación que padecen milleiros de familias traballadoras.
Na actualidade xa son arredor de medio cento de familias (preto de 130 persoas) as que fan uso desta iniciativa baseada na solidariedade de clase, número que se incrementou tras a modificación dos requisitos para acceder ao reparto mensual da alimentos. Agora tamén pode beneficiarse do plan de axuda alimentaria quen non cobrase a prestación por desemprego nos primeiros 10 días do mes.
Dende a CIG animan a todas as persoas afiliadas que precisen facer uso desta iniciativa a poñerse en contacto coa súa Unión Comarcal para solicitar información, ao tempo que lembran que todos os datos das persoas beneficiarias son absolutamente confidenciais.
A central nacionalista continúa coa recollida de alimentos e de fondos para dotar o plan e fai un chamamento á solidariedade de clase para manter viva esta iniciativa. Non esquezas participar e colaborar coas túas achegas, ben entregando produtos de alimentación non perecedoiros nos locais da CIG ou a través de achegas económicas, tanto nas urnas colocadas para tal efecto como mediante o abono dunha cota sindical extraordinaria voluntaria.
Tamén se pode participar como voluntarios/as para recoller, seleccionar e almacenar as achegas que posteriormente lle son entregadas ás persoas solicitantes que cumpren os requisitos establecidos nas bases do plan solidario.