Aumenta a provisionalidade no ensino público e empeoran as condicións de traballo do profesorado
Un curso máis, a Consellaría de Educación vén de dar novas mostras da precarización do traballo do profesorado con destino provisional dos corpos docentes de secundaria. No estudo realizado pola CIG-Ensino da adxudicación de destinos provisionais poden observarse claros indicios do que vai ser un novo curso “con peores condicións de traballo para aquel profesorado que non ten destino definitivo, ben porque o perdeu recentemente polo peche de centros e a supresión de docentes, ou ben porque levan anos en expectativa de destino ou como persoal interino”.
Un 28% do profesorado con destino provisional nos IES e outros centros de FP, EOI ou ensinanzas de réxime especial impartirá no curso 2017/18 materias das que non é especialista, mentres se incrementa o número total do colectivo. A Consellaría ten neste momento un total de 4.250 docentes con destino provisional e destes 1.195 van impartir unha ou dúas materias afíns, ademais da impartición en moitos casos de ámbitos propios da FP Básica ou dos PMAR (Programas de Mellora de Aprendizaxe e Rendemento) da ESO.
Esta cifra será superior na adxudicación definitiva do mes de setembro, xa que non se incluíron os docentes suprimidos polo peche de centros e hai tamén docentes interinos que foron excluídos por erro da adxudicación, circunstancia que denunciou a CIG-Ensino perante a Consellaría, comprometéndose a resolver este erro.
Dispárase o empeoramento das condicións laborais
A ampliación de 18 a 20 horas lectivas desde o curso 2010, así como os continuos recortes nos cadros docentes levan a que haxa profesorado itinerante compartindo dous centros ou compatibilizando esas itinerancias coa impartición de afíns. Iso xunto coa masificación en moitas aulas, o peche doutras ou a negativa a autorizar desdobres ou aulas máis reducidas para atender mellor nas necesidades de apoio específico do alumnado leva, denuncia a CIG- Ensino, “non só a unha perda da calidade educativa senón tamén a un claro empeoramento das condicións de traballo do profesorado galego”.
A Consellaría tomou a decisión neste curso de non considerar como afín a impartición dos ámbitos, cando implican a impartición de diferentes materias de perfil lingüístico ou tecnolóxico. Así, quérese enmascarar unha realidade que a CIG-Ensino denunciou reiteradamente nestes últimos cursos, coa aparición de perfís con 3, 4 ou até 5 afíns. “Isto agora queda en moitos casos disfrazado coa impartición do ámbitos e unha ou dúas afíns, mais mantendo practicamente igual o abuso nalgúns perfís ou o disparate noutros”, sinalan.
Á vista das adxudicacións a CIG-Ensino alerta novamente sobre os perfís dalgunhas prazas que non teñen ningunha afinidade, prazas con dúas afíns e dúas afíns sumadas aos ámbitos, ou o feito de que determinadas prazas con perfís estraños recaian ano tras ano nas mesmas persoas.
Cabe igualmente salientar como totalmente irregular que nun só centro se adxudique máis dunha praza dunha mesma materia coas mesmas afíns.
A CIG-Ensino vén de remitir un escrito á Consellaría cunha listaxe de adxudicacións que consideramos que deben ser revisadas antes da adxudicación definitiva de setembro.
A provisionalidade como inestabilidade no posto de traballo
Un 60% do profesorado con destino provisional é interino (762 interinos e 1.774 substitutos) e 797 son funcionariado de carreira que nunca obtiveron aínda destino definitivo, levando algunhas persoas até 10 anos nesta situación. Cifras que son un claro exemplo da denuncia que a CIG-Ensino está facendo desde o ano 2010 co recorte de prazas nas oposicións.
“Urxe tomar medidas no camiño de incrementar os cadros de persoal para mellorar as condicións de traballo e a calidade do propio sistema educativo e facelo con importantes ofertas de emprego público que rebasen os límites fixados para conxelar o actual número de persoal docente, mais sen descoidar a estabilidade do persoal interino. Hai moitas especialidades, especialmente na FP, nas EOI e nas ensinanzas de réxime especial, nas que só hai profesorado interino con destino provisional”.
“Os case 800 docentes en expectativa de destino dos corpos de secundaria teñen dereito a que a administración educativa poña fin á provisionalidade á que se ven atados. A situación no canto de mellorar, empeora cada curso”, critican. Este ano o profesorado en expectativa incrementouse nun 25% ao respecto do curso 2016/17. “Como CIG-Ensino demandamos incansabelmente que todo o profesorado funcionario de carreira acade o seu primeiro destino definitivo no prazo máximo de 2 anos, para o cal é preciso que a Consellaría desbloquee numerosas prazas nos concursos de traslados”.
Unha referencia especial merece a decisión da Consellaría de autorizar a decisión impulsada polo inspector do CIFP A Xunqueira I de Pontevedra para que os módulos comúns da FP Básica sexan impartidos por profesorado do corpo de PES que imparte nas especialidades de FP, co argumento da falta de docentes de materias comúns nos Centros Integrados de Formación Profesional, cando até o momento era profesorado con atribución docente das especialidade correspondentes os que a impartían.
“Como CIG-Ensino xa criticamos no seu momento esa decisión e reiteramos a nosa crítica a esta medida de dubidosa legalidade, ao asignarlle a persoal docente sen atribución docente unha competencia que lle corresponde a outras especialidades”.