
Augas de Galiza non seguiu o proceder habitual para a tramitación da autorización da pasteira de Altri

Malia o forte clamor de toda Galiza e a enorme presión social e política contra a instalación da pasteira de Altri - proxecto Gama -, a Xunta do PP teima en seguir adiante co proxecto da pasteira na Ulloa. O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia “presión brutal” sobre o persoal funcionario que ten realizar os informes e tramitar os procedementos das diferentes autorizacións.
“Moi ao seu pesar, a cuestión técnica depende do persoal funcionario, quen hoxe ten que traballar con informes que realiza a propia empresa. A presión exercida sobre este persoal está a ser bestial”, alerta a secretaria nacional do sector de Autonómica, Zeltia Burgos, quen refire casos de "compañeiros e compañeiras funcionarias públicas de diferentes departamentos que se negaron a sacar adiante as autorizacións pola información parcial e sesgada que da Altri para o seu proxecto”.
Para sortear esta circunstancia "a Xunta tivo que recorrer as persoas que ocupan postos directivos de libre designación para a asinar os informes”.
Autorización de Augas de Galiza
Ante as afirmacións de responsábeis da Xunta de ter a autorización de Augas de Galiza para a retirada de 46.000 metros³/día de auga e a posterior vertedura ao río Ulla, apunta que “o certo é que nin a sección de Lugo o tramitou, nin en Servizos Centrais consta que se asinaran ditas autorizacións as persoas funcionarias ás que lles correspondería. Sabemos que nin a Área de Calidade de Augas, nin a Sección de Residuos traballaron no proceso de autorización”, subliña Burgos.
Todo indica, segundo as informacións da que dispón a central, que “foi o comisario de Augas, un posto de libre designación, quen validou o informe que lle preparou a propia empresa, sen que nos conste hoxe de que estea resolto o expediente. Dados os milleiros de ollos que están postos na parte máis polémica da instalación dunha megapasteira na Ulloa, parécenos raro raro que se atrevan a facelo tan mal”.
Dende a CIG non se vai permitir que os propios responsábeis da administración "acosen e as ameacen ao persoal funcionario, e tampouco que se secuestren as súas funcións cumpridas coa neutralidade e obxectividade para outorgarllas a persoas designadas politicamente obviando os criterios técnicos".