Atopan cámara oculta de vídeo e audio na sala de descanso do persoal da cafetería do H. Clínico
CIG-Servizos e CIG-Saúde de Compostela compareceron esta mañá en rolda de prensa de prensa para denunciar a existencia dunha cámara oculta de vídeo e audio que foi atopada polo persoal da cafetería do 5º andar (utilizada exclusivamente por persoal sanitario) na súa sala de descanso. Diante da gravidade dos feitos, a CIG –que xa puxo o caso en mans dos seus servizos xurídicos e convocará asembleas de traballadores/as para valorar a convocatoria de mobilizacións- exixe que se depuren responsabilidades, que se investigue se hai máis cámaras no resto das cafeterías da área sanitaria nas que a empresa AGAMARK ten a concesión e mesmo que esta se rescinda.
Na rolda de prensa compareceron o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Alonso; Jesús Ramos, do comité de empresa da cafetería e Encarnación Brión e Xosé Marcote da Xunta de Persoal do Hospital Clínico.
Alonso explicou que a cámara oculta no baixo teito, con gravación de audio e vídeo, foi atopada polo propio persoal da cafetería o pasado martes e que, de contado, a CIG se puxo en contacto coa xerencia da empresa para manter unha xuntanza nun prazo máximo de 24 horas. A empresa retirou de inmediato o dispositivo (ao que xa lle fixeran fotos –que se adxuntan- para poder probar a súa existencia) pero non marcou data algunha para esa xuntanza. Por iso, explicou, “ante a falta de resposta decidimos denunciar estes feitos publicamente”.
O secretario comarcal da CIG-Servizos lembra que aínda que desde a central sindical “temos manifestado de forma reiterada o noso rexeitamento á instalación de cámaras para controlar ao persoal” estas están permitidas, sempre que estean á vista, debidamente anunciadas para coñecemento de todos os traballadores e traballadoras mais, en ningún caso, con sistemas de gravación de voz.
Vulneración de dereitos fundamentais
Por iso afirma que, neste caso, “estamos diante dun delito por vulneración do dereito fundamental á intimidade” que xa se puxo en mans da asesoría xurídica da CIG para preparar unha denuncia pola vía penal.
Alonso subliñou que isto proba que o obxectivo da instalación destas cámaras é “saber o que facemos e o que falamos” e lembrou que ARAMARK -que ten a concesións das cafeterías non só do Hospital Clínico, senón tamén do Gil Casares, do Provincial e do Hospital do Barbanza- xa foi denunciada en varias ocasións e mesmo houbo unha convocatoria de folga o pasado mes de maio polo acoso laboral que viña padecendo a Presidenta do comité e os compañeiros e compañeiras das cafeterías.
Xunto a isto exixiu da Xerencia do Hospital, á que xa se comunicaron verbalmente estes feitos e á que se lle remitirá a denuncia por escrito, “que se lle abra expediente, ou que realicen unha investigación para depurar responsabilidades”.
A CIG-Servizos entende que o responsábel directo é o Xerente da empresa pero non descarta exixir responsabilidades tamén á propia Xerencia do hospital se non actúa “con contundencia” ante esta situación, ademais de iniciar mobilizacións mesmo coa convocatoria dunha folga nas cateferías do CHUS, unha vez se celebre a asemblea coas traballadoras e traballadores.
No aire queda ademais a posíbel presenza de máis cámaras, das mesmas características, ocultas nos demais centros hospitalarios ou neste mesmo.
Cámaras controlando ao persoal sanitario
Pola súa banda o representante de CIG-Saúde e membro da Xunta de Persoal, Xosé Marcote, lembrou que desde hai un par de anos xa se denunciou a instalación de cámaras na cafetería do persoal sanitario. “Solicitamos información porque non entendiamos por que se colocaban cando non se producira, nin se produciu a día de hoxe, ningún incidente. Aínda estamos agardando por unha explicación coherente por parte da Xerencia”.
Denunciou tamén a gravidade dos feitos e anunciou que tamén a Xunta de Persoal pedirá explicacións na próxima xuntanza coa Xerencia do CHUS por estes feitos. Anunciou tamén que se valorará facer mobilizacións porque “non se pode permitir á empresa da cafetería que limite os dereitos dos traballadores/as”.