Atinxido un acordo que pon fin ao conflito laboral en Casas Novas
A sección sindical da CIG en Prosegur informa que se alcanzou un acordo que pon fin ao conflito laboral iniciado no centro hípico Casas Novas, ante o traslado dos traballadores que viñan prestando os servizos de seguridade privada por "un capricho persoal da nova directora".
A este acordo chégase logo das mobilizacións realizadas tanto diante do centro hípico de Arteixo como na sede de Inditex (Amancio Ortega é o propietario das instalacións) para reclamar que se mantivera ao xefe de servizo no posto no que levaba máis de 20 anos ou se recolocara nun destino que non supuxera unha merma dos seus dereitos laborais.
"A loita serve e conseguise que o compañeiro fose recolocado nun centro de traballo en condicións dignas e tamén se garantiu a estabilidade do resto de compañeiros que quedaban na hípica", asevera a representación da CIG en Prosegur, quen insta a denunciar e reclamar ante calquera abuso laboral.