Atinxido un acordo para a readmisión dos nove traballadores da UTE Tecman-Rayma
Tras tres semanas en folga, á última hora da noite deste xoves, o comité de folga conseguía arrincarlle á dirección da UTE Tecman-Rayma un acordo para a readmisión dos nove compañeiros despedidos, cuxa incorporación ao traballo se fará efectiva o próximo luns para que dea tempo a activar os pases ao estaleiro e organizar as quendas laborais. Os termos do acordo foron avaliados esta mañá en asemblea de persoal, na que tamén se acordou suspender a concentración prevista para hoxe diante das instalacións da auxiliar.
A CIG-Industria entende que chegar a este acordo só foi posíbel grazas a determinación e a unidade dos traballadores da UTE, que deron unha nova mostra de firmeza na defensa dos seus dereitos.
Malia este éxito, non cómpre perder de vista que a UTE mantén o seu discurso a respecto de abandonar o contrato e só seguir prestando o servizo de mantemento durante a prórroga que agora terá que negociar con Navantia. Queda por comprobar tamén que vai facer a empresa pública co contrato e en que condicións pretende sacar a nova licitación. A este respecto, a CIG-Industria subliña a obriga de Navantia de velar polo respecto do emprego e dos dereitos do seu persoal, incluído o dereito á subrogación que tanto esforzo lle custou aos traballadores e traballadoras das auxiliares conquistar.
Navantia non pode consentir que se repitan este tipo de abusos nas auxiliares
A actitude pasiva de Navantia en conflitos creados por empresas auxiliares supón na práctica unha clara conivencia con estes atropelos e trata de ocultar a orixe do problema, que non é o outro que o abuso da subcontratación. Por iso, a central sindical apela á responsabilidade de Navantia para que nos pregos do futuro contrato de mantemento primen aquelas ofertas que garantan de maneira inequívoca o respecto aos dereitos laborais e salariais recoñecidos; e que non se consinta a ningunha empresa repetir o vivido estas semanas en Indasa e na UTE Tecman-Rayma, de pretender deixar sen efecto o dereito á subrogación pola vía dos feitos.
A central tamén considera que a mobilización que o persoal desenvolveu no día de onte diante do estaleiro de Ferrol serviu para acelerar un acordo, pois, por primeira vez en todo o conflito, Navantia interveu e dirixiuse a Tecman-Rayma para que buscara unha solución. Demostrando así que o conflito podería terse resolto antes incluso de iniciarse a folga e que foron o inmobilismo da auxiliar e a pasividade de Navantia quen o prolongaron de maneira innecesaria.