Atinxido un acordo no SAF da Cañiza que recoñece a condición de persoal laboral ás traballadoras e garante a xestión pública do servizo
As traballadoras dos SAF da Cañiza, coa representación da CIG no Concello, asinaron hoxe un acordo co alcalde, Luís Piña, que recoñece a condición de persoal laboral ás auxiliares de axuda do fogar e o compromiso do Goberno local de manter o servizo municipalizado.
Principais puntos do acordo
No acordo recóllense as seguintes cuestións moi elementais para o conxunto das traballadoras do SAF, que supoñen un paso de xigante sendo base do recoñecemento e dignificación do seu traballo:
- Inclusión na RPT da categoría de auxiliar de fogar cun salario base mensual por xornada completa de 1151,70 no ano 2019
- Incorporación no vindeiro convenio de persoal laboral da Cañiza das condicións particulares das traballadoras do SAF
- O pagamento da quilometraxe dende as instalacións de asuntos sociais do concello
- A procura dun sistema de rotación para o traballo en domingos e festivos
- A creación dun plus de domingos e festivos
- O establecemento dun criterio de reparto de traballo equitativo e a fixación dunha xornada máxima de 37,5 horas, tendo como obxectivo unha xornada mínima de 25 horas semanais
- O establecemento dun procedemento de seguimento de incidencias no servizo
- A negociación antes do remate do ano 2020 dun plan de prevención de riscos e dun protocolo de acoso laboral e sexual específicos para este servizo
Dos intentos de privatización a dar visibilidade a un sector esencial
A Unión Local da CIG do Porriño valora moi positivamente o acordo alcanzado, explicando que, hai ano e medio, cando as traballadoras contactaron coa CIG e comezaron as súas reivindicacións, sendo alcalde Miguel Domínguez do PP, "non contaban con roupa de traballo, non tiñan recoñecido un salario para a súa categoría, negándolle o edil do PP dereitos tan elementais como o goce das súas vacacións ou descansos en fin de semana".
De feito, explica Mercedes Domínguez, responsábel de Muller da CIG-Porriño, en varias reunións o anterior alcalde negou as traballadoras a condición de persoal do Concello, "malia que algunha leva traballando no servizo máis de dez anos". Neste sentido, hai que subliñar que a CIG xa ten gañadas catro sentenzas declarando as traballadoras persoal laboral indefinido do Concello da Cañiza.
Meses antes de perder a alcaldía, Domínguez intentou a privatización do servizo, que finalmente non foi efectiva debido a que a empresa adxudicataria "renunciou por non acadar o miserento prezo de saída ofrecido no prego os custes do persoal a subrogar".
A este respecto, Domínguez salienta que o cambio de escenario neste Concello foi posíbel grazas á organización das traballadoras, á súa firmeza en denunciar a súa precariedade e esixir da man da CIG a valorización do seu traballo, reclamando o recoñecemento da súa enorme responsabilidade, dando na Cañiza visibilidade a un sector esencial abandonado durante anos, que atende os coidados básicos da vida diaria de preto dun cento de maiores e dependentes do Concello.
Compromiso de manter municipalizado o servizo
Os servizos de axuda no fogar e as residencias foron entregados polo goberno da Xunta e dos concellos á empresas que sacan beneficio de cartos públicos a conta da precariedade de milleiros de mulleres no país, precariedade que necesariamente repercute na asistencia que ofrecen e da que tivemos bo exemplo na crise sanitaria que acabamos de sufrir.
Por esta razón a CIG agradece a decisión de cambio de rumbo do actual alcalde, "polo seu compromiso de manter municipalizado o servizo en contra das directrices da Xunta do PP, pola súa determinación de incrementar a calidade dos coidados ás persoas maiores, e polo recoñecemento ao traballo das súas veciñas como traballadoras esenciais que son".