Atinxido un acordo de mínimos entre o persoal da Farmacia e a Xerencia do CHUAC
A Comisión de Centro do CHUAC vén de informar da suspensión do actual calendario de mobilizacións que o persoal de Farmacia estaba a desenvolver, tras lograrse un acordo de mínimos entre a Xerencia e o persoal deste servizo. As traballadoras e os traballadores iniciaran un intenso calendario de protestas o pasado 4 de maio e tiñan anunciada a convocatoria de folga no servizo para o próximo mes, se non se atendían as súas demandas.
No mencionado acordo, sinala María Seijo, presidenta da Comisión (CIG), a Xerencia comprométese a un incremento de persoal no ano 2018 e a implementar melloras organizativas e estruturais do servizo de Farmacia. “Aínda que insuficiente para satisfacer todas as necesidades do servizo, supón un pequeno avance, imprescindíbel non só para que as profesionais poidan desempeñar con dignidade e seguridade o seu traballo, senón tamén para ofrecer ás doentes o correcto servizo asistencial que se merecen”, sinala.
A Comisión de Centro, xunto coas/os profesionais do servizo de Farmacia, realizará un “seguimento rigoroso e esixente” do cumprimento deste acordo e da eficacia da medidas organizativas e estruturais adoptadas, sen renunciar a ningunha das reivindicacións feitas en materia de incremento de recursos humanos, de reformas estruturais, de medidas de seguridade ou de cumprimento dos requirimentos da Inspección de Traballo.