Atinxido un acordo con Froiz para mellorar as condicións salariais do persoal do almacén do Marco
A asemblea de traballdadores e traballadoras da plataforma loxística que Froiz ten no Marco (Pontevedra) aprobou o preacordo acadado no día de onte entre a representación sindical e a empresa, para a creación de pluses vinculados ás distintas categorías. A ratificación do acordo supón a desconvocatoria da concentración deste venres no almacén de Lourido e das tres xornadas de folga previstas para a próxima semana.
O secretario da CIG-Servizos de Pontevedra, Iván Veiga, explica que, logo dunha dura loita, conseguiuse que Froiz asumira as demandas sociais para rematar coa discriminación salarial que padece o persoal da plataforma do Marco con respecto aos compañeiros e compañeiras de Lourido. Así, con este acordo recóllese a incorporación de pluses para cada un dos tres colectivos laborais, o que suporá que o persoal perciba de 100 ao 200 euros máis ao mes nas súas nóminas.
Para o persoal separador/preparador de mercadorías créase un complemento de produtividade que vai dos 60 aos 200 euros; para o persoal carretilleiro estabelécese un plus fixo de posto de 120 euros; e para o persoal tranportista un complemento de 100 euros.
Veiga subliña que grazas á mobilización e á acción sindical se conseguiron estas melloras por enriba do convenio colectivo, que xa tiñan noutros almacéns. Destaca o traballo sindical realizado polos delegados da CIG e a disposición do conxunto dos traballadores e traballadoras a pelexar por unhas condicións xustas.
Esta discriminación remóntase ao ano 2020 coa adquisición por parte de Froiz das instalacións que pertencían á cadea de supermercados Moldes. Tras da compra, Froiz subrogou o cadro de persoal manténdolle as condicións que traian, sen aplicarlle complementos salariais que xa tiña o persoal da plataforma de Lourido, a escasos quilómetros e na que se realizan as mesmas funcións que no Marco.