Atinxido un acordo con Ambulancias Casablanca que pon fin ao conflito laboral
Tras varias reunións, este mércores asinouse un preacordo con Ambulancias Casablanca que contempla todos os puntos da táboa reivindicativa e que conta coa garantía de cumprimento da propia UTE, que inclúe a Servizos Sanitarios do Cantábrico. O documento foi aprobado por unanimidade na asemblea de traballadores e traballadoras celebrada hoxe, poñendo así fin ao conflito laboral. Deste xeito, queda desconvocada a concentración prevista para mañá, xoves día 13, diante da base da empresa e a folga que se iniciaba o día 17.
No relativo á contratación, o precoacordo contempla a consolidación dunha bolsa de emprego con carácter permanente e por orde de antigüidade, na que se incluirán os dous traballadores despedidos, na orde que lle correspondía. Tamén, explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, medidas para rematar coa arbitrariedade e a asignación dos postos fixos no cuadrante en base á antigüidade "e coa premisa de todos os postos estruturais cubertos con persoal indefinido e a xornada completa, consolidando inmediatamente a quen non o estaba".
Así mesmo, poderase solicitar persoal de apoio cando se precise nalgún servizo, que o persoal que realiza os servizos da UVI conta coa titulación adecuada, e certificación da formación do alumnado en prácticas.
Xunto a isto, recóllese o compromiso de realizar os mantementos, as limpezas e as desinfeccións das ambulancias e dos equipos de traballo conforme obriga a lei e baixo a supervisión da UTE, que se corresponsabiliza no cumprimento de todos os puntos pactados. Garántese tamén a entrega da uniformidade e as súa limpeza, e a creación do rexistro de horas extraordinarias, que se abonarán na nómina seguinte.
Pavón sinala que á diferenza dos acordos e compromisos previos alcanzados con Ambulancias Casablanca (que de maneira sistemática incumpría), nesta ocasión logrouse incorporar á propia UTE do transporte sanitario non urxente de Santiago-Barbanza como garante de que se respectarán os termos asinados.
Así as cousas, advirte que tanto a CIG como a representación do persoal estarán vixilantes no cumprimento do pactado e lamenta que fora preciso chegar a unha convocatoria de folga para conseguir que a empresa respecte a legalidade vixente e os dereitos laborais e rematar coas ameazas e os despedimentos arbitrarios.