Atención telefónica Covid-19: condicións precarias e contratos en fraude de lei
A sección sindical da CIG en Universal Support denuncia as precarias condicións nas que se atopan os traballadores e as traballadoras que realizan a atención telefónica da Covid-19 (tanto no número de información como no servizo de rastrexo) posta en marcha pola Xunta ao inicio da pandemia. Aínda que a información trasladada pola empresa á representación social é escasa, sábese que unha parte importante das persoas que prestan o servizo están en fraude de lei, debido a que a empresa as ten contratadas cun contrato eventual por circunstancias da produción.
Esa modalidade, segundo artigo 14 do convenio colectivo de Call Center aplicable, só pode ser utilizada de modo continuado durante catro meses, cunha única prórroga posíbel por acordo entre as partes e sen que a duración total supere ese período máximo. Non obstante, a sección sindical da CIG advirte que "hai gran cantidade de traballadores e traballadoras que renovan mensualmente o seu contrato coa modalidade máis precaria, e que xa superaron eses catro meses sen que se lles cambie o contrato a un de obra ou servizo, como correspondería".
Para a CIG, o único obxectivo desta actuación é dispoñer libremente do persoal e poder prescindir del con facilidade cando diminúa o traballo, sen cumprir as formalidades reservadas para o contrato de obra. Así se veu recentemente na terceira vaga, cando ás présas se contrataron máis de 150 traballadores e traballadoras, "para botalos/as tres semanas despois por fin do seu contrato eventual". Isto amosa ademais a falta de previsión para ter un servizo permanente con garantías que permita afrontar inmediatamente novos gromos.
Un servizo esencial durante a pandemia do que a Xunta se desentende
Cando a representación da CIG se dirixiu a empresa para tratar esta irregularidade, a dirección "deu a calada por resposta e non amosou ningunha disposición a modificar esta práctica". A CIG considera intolerábel que nunha campaña de tanta transcendencia social e na que ten tanta responsabilidade a administración pública se consintan estas prácticas claramente prexudiciais para os traballadores e traballadoras que veñen desempeñando un labor esencial dende o inicio da emerxencia sanitaria.
Cómpre lembrar que Universal Support S.A.U -pertencente ao Grupo Konecta- presta dende o mes de marzo de 2020 o servizo de atención á Covid-19 da Xunta de Galiza. Ese servizo está atendido por persoal teleoperador nun número que foi variando en función da dimensión da pandemia, tanto no número 900 de atención, como no servizo de rastrexadores/as.
O número de persoas destinadas a estes servizos no pico da terceira vaga chegou a ser de 451. Segundo os últimos datos o número de traballadores/as reduciuse a 287 persoas, das cales 46 realizan o seu servizo presencialmente no centro de traballo situado no Polígono de Bergondo.
Campaña adxudicada sen transparencia
A este respecto, a sección sindical da CIG quere denunciar tamén que esta é unha campaña adxudicada a Universal Support pola Xunta sen transparencia e na que a información facilitada pola empresa ao comité foi practicamente nula dende un principio. Iso impide que a representación do persoal coñeza tanto o contrato ou a orde do servizo, como os contratos das traballadoras/es que compoñen a campaña. "Este escurantismo impide os sindicatos poder desenvolver o seu traballo para garantir o cumprimento da lexislación laboral", critican.
Así as cousas, a sección sindical da CIG advirte que está vixiante e actuará para que se respecten os dereitos laborais e salariais de todo o persoal.