Aspirantes a sacar o título de vixilante de seguridade relatan problemas na proba teórica
A pasada fin de semana celebráronse en Santiago de Compostela as probas de aptitude física e teórica para a adquisición do título de vixilante de seguridade. O día 14 realizáronse as físicas e o día 15 fíxose o exercicio teórico. Pero das 3.126 persoas que se presentaron en Galiza, só aprobaron 119, "é dicir menos do 5%".
Un grupo de persoas aspirantes téñense dirixido á CIG para denunciar que na proba teórica se incluíron preguntas fóra do temario e preguntas con varias respostas válidas e critican o afán recadatorio da administración estatal (a taxa para poder presentarse é de 23 euros), responsábel destes procesos.
Hai que salientar que esta habilitación é obrigatoria para poder exercer como vixilante de seguridade, pero para poder presentarse ás probas que convoca a Secretaría de Estado de Seguridade, cómpre ter superado previamente un curso de formación que se imparte en academias privadas autorizadas e que ten un custe de máis de mil euros.
Custe económico importante
Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo sinala que a maioría do persoal que concorre a estas probas está en traballos precarios como auxiliar de servizos, ou directamente no paro. Polo que asumir o custe do curso deste ciclo de formación lle supón un esforzo económico moi importante.
Por iso, ante as queixas trasladadas por numerosas persoas a respecto das deficiencias nas probas teóricas, Paz avanza que se está valorando coa asesoría xurídica da central sindical a posibilidade de impugnar as probas.
Neste senso, considera que se o obxectivo da Administración é subir o nivel para o acceso á tarxeta de identidade profesional "o que ten que facer é pór un temario máis difícil e limitar as convocatorias (hai catro por ano e celébranse en varios territorios de maneira simultánea). Pero non é de recibo cobrar as taxas e despois introducir preguntas que non se corresponden co temario, que son incoherentes ou que conteñen varias respostas válidas ou ningunha".