ASPEL volve trasladar unha proposta de miseria que impide avanzar na resolución do conflito da limpeza
A patronal estatal da limpeza, ASPEL, deu unha nova mostra do súa nula vontade negociadora na reunión da mediación que tivo lugar este mércores, ao pór enriba da mesa unha proposta que segue deixando os salarios na miseria e que suporía ademais un recorte nas contías da antigüidade. Un insulto ao conxunto das traballadoras que levan 59 días sostendo a folga en defensa dun convenio e unhas condicións dignas.
A representante da CIG, Asunción Castiñeira, criticou con dureza a actitude prepotente da patronal, xa que chegou á xuntanza sen ningún tipo de proposta, agardando que fora en exclusiva a parte social a que fixera movementos. De feito, sófoi despois de varios recesos e encontros por separado cos mediadores, cando a patronal trasladou unha nova oferta, a todas luces insuficiente.
Para o ano 2022 ofrecen un incremento do 2% (sen atrasos), para 2023 unha suba do 3%, mais con efectos retroactivos só a 1 de outubro; para 2024 unha suba do 4%, para 2025 do 3,5% e para 2026 do 3%. A patronal segue negándose en redondo a introducir ningún tipo de cláusula de revisión e propón un plus consolidábel para os últimos de vixencia (2025 e 2026) de 120 euros por cada ano, mais coa condición de que se estabeleza unha contía fixa do valor do trienio.
"Con esta fórmula, denuncia Castiñeira, as traballadoras estarían perdendo cartos ano tras ano na antigüidade e as táboas seguirían quedando ao límite do SMI. Despois de 59 días de folga resulta vergoñento que a único movemento que fai a patronal sexa este".
Neste contexto, e tras doutro receso, a parte social trasladou unha contraproposta que contemplaría unha cláusula de revisión a final de convenio (en lugar da cláusula ao corte ano a ano) e asumiría os incrementos da patronal para os anos 2024, 2025 e 2026. "Pero continuamos demandando unha suba do 5,7% para o ano 2022 (cunha prima de 500€ a percibir en prazos e tempo a negociar) e un incremento do 5% para 2023, con efectos a 1 de xaneiro. Estes dous puntos son irrenunciábeis", salientou a representante da CIG.
A este respecto, lembra que o convenio da limpeza de Lugo é o que peores condicións salariais contempla e que só nos anos 2021 e 2022 as traballadoras perderon un 12% da súa capacidade adquisitiva a causa do incremento disparado do custe da vida. "O que reclaman agora é de xustiza, mais aínda se temos en conta o enorme esforzo que tiveron que realizar durante a pandemia, cando se lles exixiu traballar arreo e pondo en risco a súa propia saúde", asevera.
Por se non fora abondo coa súa actitude prepotente, tamén é a patronal a que marca de maneira unilateral os ritmos da negociación, a tal punto que a seguinte xuntanza da mediación non terá lugar até o 21 de decembro.
Entre tanto, as traballadoras continuarán adiante coa folga e as mobilizacións por un convenio digno e para o vindeiro venres está convocada unha asemblea do persoal para avaliar a última proposta patronal e novas accións a desenvolver.