Asínanse 75.535 contratos en marzo para rebaixar o emprego en tan só 2.869 persoas
Dos datos de paro rexistrado do mes de marzo tírase que houbo un descenso no número de persoas desempregadas en Galiza de 2.869. Porén, para conseguir este cativo descenso foi necesario asinar até 75.535 contratos, dos que o 90,5% foron temporais (68.355). Constátase así a enorme rotación, a temporalidade e a precariedade laboral do emprego no noso país.
Así o valora o secretario confederal de Emprego Fran Cartelle, que subliña que no que vai de ano xa se asinaron un total de 226.756 contratos, unha cifra que supera mesmo o número total de persoas desempregadas en Galiza, que son 170.841.
Cartelle sinala, xunto a isto, que máis do 61% deses contratos se asinaron no sector servizos. Un dato que contrasta coa situación da Industria, que esmorece en Galiza con casos como o de Poligal, Alcoa ou Ferroatlántica, entre outros, e que demostra o “fracaso das políticas de emprego tanto do goberno do Estado como da Xunta de Galiza”.
Cartelle salienta ademais que é precisamente no sector Servizos onde a calidade do emprego é peor e a temporalidade maior, porque depende das campañas de rebaixas e de Nadal, no caso do comercio, e dos períodos vacacionais no caso da hostalería. Alerta, xa que logo, da terciarización do mercado laboral, e afirma que “os gobernos teñen que gobernar para a maioría social e non para o capital, teñen que crear industria e non pechar as que existen. Teñen a obriga de pór en marcha políticas industriais que favorezan o crecemento económico, a creación de emprego e de que este sexa digno”.
Prestacións
O secretario confederal de Emprego alerta do risco de pobreza e de exclusión social que padece unha elevada porcentaxe das persoas desempregadas xa que só 94.630 perciben algún tipo de prestación e destas só 44.344 son contributivas. “Se temos en conta que o 70% do gasto vai destinado a prestacións contributivas e que o 53% das prestacións son non contributivas estamos diante dunha realidade dramática porque os seus ingresos son ridículos”.
Diante desta realidade, Cartelle exixe a inmediata derrogación das reformas laborais que “foron concibidas precisamente para crear o escenario de precariedade laboral que se está instalando en Galiza por mor das políticas tanto da Xunta de Galiza como do goberno do Estado” e un cambio radical nas políticas económicas, que están afogando os sectores produtivos en Galiza, alimentando a pobreza laboral e convertendo o noso país nun deserto industrial.