Asinado un acordo con Gabadi para o abono dos pluses de aceiros do convenio do metal ao persoal de habilitación
Representantes das centrais sindicais con presenza en Navantia e a comisión de auxiliares compareceron este martes en rolda de prensa para avaliar os resultados da campaña de mobilizacións iniciada hai dous meses para exixirlle ás empresas auxiliares que cumpran co convenio colectivo de siderometal. Neste contexto, informaron que, no día de onte, se asinou un acordo coa dirección de Gabadi no que acepta encadrar a área de habilitación en aceiros, e abonarlle ao seu persoal os pluses correspondentes -en canto se ratifique no AGA-, con carácter retroactivo a 1 de decembro.
Ademais, nese marco, explica o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, saíu o compromiso de que os sindicatos e a asociación de empresas do naval público da ría de Ferrol trasladarían un documento asindo por ambas partes ao AGA, clarificando a disposición adicional segunda do convenio de siderometal (que recolle dúas táboas salariais para o persoal das auxiliares que traballa nos estaleiros de Navantia) e determinando que actividades están encadradas en pintura e servizos e cales corresponden a aceiros.
Con tal fin, e despois dunha primeira resposta da patronal considerando que un acordo deste tipo supuña modificar o convenio e polo tanto debería abordarse na propia negociación colectiva, as centrais sindicais remitiron de novo un documento á asociación empresarial, que quedou en dar resposta no día de hoxe ou a máis tardar na xornada de mañá. Hai que subliñar que desta reivindicación se descolgou a UGT.
"No momento que a asociación nos remita o documento, apunta Vidal, procederase a pedir con carácter de urxencia unha mediación no AGA polas dúas partes para formalizalo, dándolle carácter legal, e trasladándoo despois á comisión negociadora para o que o incorpore ao convenio provincial".
Dous meses de accións reivindicativas
O secretario da CIG-Industria salientou que a este entendemento chegouse tras dous meses de mobilizacións e paros e ante a perspectiva de realizar unha acción de presión este mesmo martes no factoría de Ferrol. Esta medida finalmente non se efectivizou xa que "no día de onte, por primeira vez, Navantia convocou a representación social e a Gabadi a unha xuntanza para buscar unha solución".
Vidal lembrou que Gabadi é unha das auxiliares que se resistía a asinar un compromiso para encadrar a actividade de habilitación de buques en aceiros e pagar como tal ao seu persoal, até que a asociación empresarial o recoñecera por escrito. Por iso, considera determinante a intervención de Navantia para atallar estes incumprimentos "como principal responsábel e porque é quen ten as ferramentas para poder resolver este problema".
Neste senso, instou a Navantia a seguir mediando naqueles casos de empresas que incumpren o disposto no convenio e promovendo reunións similares á mantida con Gabadi para garantir que se respectan os dereitos económicos dos traballadores e traballadoras das contratas.
Evitar a competencia desleal a conta de precarizar o persoal
Sobre o documento remitido á asociación empresarial, Vicente Vidal valorou que é unha "ferramenta que vale para todas as partes e que nos facilitará determinar se unha empresa está ben encadrada, se ten que abonar ou non eses pluses e se os está utilizando correctamente".
Clarificar esta cuestión, engadiu o secretario da CIG-Industria, tamén evitaría a competencia desleal entre empresas á hora de presentar ofertas ás licitacións de Navantia, baixando os custes a conta de pagar menos ao seu persoal ou precarizarlle as condicións laborais. Precisamente o obxectivo de incluír a disposición adicional no convenio, recalcou, "era darlle un carácter legal" a esas táboas salariais e que foran de obrigado cumprimento para todas as compañías que concorran ás licitacións.
A loita polo cumprimento do convenio continúa
O representante da CIG rematou a súa intervención afirman que "isto non é un punto e final, senón un punto seguido na folla de ruta marcada: intentar que todos os traballadores e as traballadoras que entren nos estaleiros para facer traballos do naval cobren os acordos do convenio". Despois do acordado con Gabadi, e dos compromisos xa adquiridos por M Blanco, Masa Galicia ou Kaefer, da primeira quenda de empresas nas que se iniciaron mobilizacións fica por regularizar a situación en Pérez Torres en Ferrol e en Fene, en Windar off shore e monopiles.