Asinado o acordo de suba salarial no sector da construción da provincia de Pontevedra
A parte social vén de asinar coa patronal as táboas salariais do sector da construción da provincia de Pontevedra para 2024, que contemplan unha suba de soldos do 2,75% coa incorporación dun novo plus de convenio, ademais da actualización das dietas.
Dende a CIG-Construción valoran positivamente o acordo -que foi ratificado tamén pola UGT, mentres que CCOO atópase á espera do informe xurídico da súa federación- ao entender que lle dá solución, tras varios meses de arduas negociacións, "á incerteza que os delegados/as do sector viñan expresando día a día".
O acordo contempla unha suba do 2,75% e un plus proposto pola CIG para evitar unha perda de poder adquisitivo tras os incrementos nas táboas que se impoñen dende Madrid para 2022 e 2023. Este complemento cobrarase mes a mes e oscila entre os 279,47 euros para o grupo 2 (a categoría máis baixa) e os 432,66 para o grupo 12 (a máis alta).
Ademais, na central sindical salientan o feito de que por primeira vez a xornada de verán estenderase tamén ao mes de agosto, de xeito que os traballadores/as do sector gozarán de xornada intensiva en horario de mañá (de 7:00 a 15:00 horas) dende o 1 de xullo até o 31 de agosto. Ademais, os 15 minutos para o bocadillo serán considerados como tempo efectivo de traballo.
A xornada de verán só se poderá deixar de aplicar por causas obxectivas, organizativas e produtivas, e sempre de acordo cos representantes do persoal ou, no caso de non existir, coa maioría dos traballadores/as. O período de duración da mesma poderase ampliar -de existir acordo entre as partes- até os tres meses, debendo iniciarse no mes de xuño.