Asinado no AGA o acordo para ampliar o dereito de subrogación ao persoal de mantemento industrial da provincia da Coruña
Este xoves, 30 de novembro, procedíase a asinar no AGA o acordo sobre a regulación da subrogación no convenio colectivo de siderometalúrxica da provincia da Coruña. Deste xeito, e despois da ratificación do acordo nas distintas asembleas abertas de traballadores/as realizadas nas comarcas, conséguense pechar as materias que quedaran pendentes na negociación tras a sinatura do convenio en xuño de 2022.
A sinatura deste acordo por parte das tres centrais sindicais e da patronal significa incluír os sectores que quedaran comprometidos durante a negociación do convenio, ampliando o dereito á subrogación a centos de traballadores e traballadoras que até agora non o tiñan recoñecido.
A CIG-Industria salienta que este recoñecemento supón un gran avance na loita contra a precariedade no sector e na estabilidade do persoal dedicado ás labores de mantemento industrial na provincia da Coruña.
Por iso, a Federación de Industria valora moi positivamente o acordo acadado no día de onte e recalca a importancia de ter un sector organizado, unido e disposto a dar a batalla como único camiño na defensa dos seus dereitos e para avanzar na mellora das condicións laborais.