A FGAMT-CIG valora moi positivamente o VI Convenio galego de ambulancias asinado a pasada semana pola patronal e as catro centrais sindicais con representación (CIG, CCOO, UGT e USO), xa que constitúe un avance real nas condicións salariais e laborais do persoal do sector. O marco regulador terá vixencia 2026-2030 e contempla, entre outras cuestións, un incremento salarial acumulado próximo ao 21% cunha cláusula que garante o mantemento do poder adquisitivo de 3% por riba do IPC. Ademais dunha nova paga extra ou a rebaixa progresiva da xornada de traballo.
A negociación do convenio, ademais, realizouse de maneira paralela á da comisión tripartita (conformada polas centrais sindicais, a patronal e a Consellaría de Sanidade) para estabelecer as bases dos novos pregos, onde tamén se conseguiron melloras substancias nas condicións de traballo e na prestación do servizo público do transporte sanitario.
O conxunto das medidas económicas suporán preto do 30% de mellora salarial
A CIG salienta que se logrou un moi bo acordo, non só por garantir salarios dignos no actual contexto de incerteza pola carestía de vida, que no conxunto das medidas económicas suporán preto do 30% de mellora salarial para o persoal do sector e a rebaixa da xornada anual até un máximo de 144 horas, senón que ademais se conseguiu resolver o problema das quendas de 24 horas evitando a entrada, de novo, das horas de presenza no sector, dentro das limitacións que impón a propia lexislación.
Salarios dignos e garantía de mantemento do poder adquisitivo
En materia de salarios, no ano 2027 aplicarase un incremento do 5% desde o 1 de xaneiro e unha suba adicional do 4% con efectos a 1 de abril. Para os restantes anos de vixencia, 2028, 2029 e 2030, os incrementos serán do 4% cada un deles. Abonarase unha paga de recálculo salarial de 1.745 euros o 1 de abril de 2027 para compensar o ano 2026 e incorpórase ademais unha cláusula de garantía do 3% sobre a suma dos IPC interanuais dos anos de vixencia do convenio.
Así mesmo, aumenta o complemento de antigüidade; actualízanse as dietas; o plus de convenio pasa a incorporarse ao salario base en 2028 -co cal sube o valor da antigüidade e doutros conceptos-; introdúcese unha cuarta paga extraordinaria dende outubro do próximo ano; e os festivos pasarán a cobrarse coa recarga do 75% do salario por cada hora traballada e todos terán a mesma consideración e valor económico.
Avances na xornada laboral
Alén do aspecto económico, outro avance importante prodúcese na redución da xornada real en 84 horas, quedando fixada en 1.752 horas/ano en 2027, 1.716 en 2028, 1.704 en 2029 e 1.692 no ano 2030. Quen traballe as noites pasará a descontar a maiores, das 24h actuais a 60h na final da vixencia.
A negociación da xornada, apunta a FGAMT-CIG, foi a última en resolverse e a máis complicada, pola intención da patronal de reintroducir as horas de presenza a cambio da cobertura legal á xornada de 24 horas. Esta última cuestión resolveuse e afectará a unha parte importante do sector, mentres que as horas de presenza serán voluntarias, por causas taxadas e, en calquera caso, necesitarán do acordo previo da representación legal.
Xunto a isto, o novo convenio mellora a cobertura nas situacións de Incapacidade Temporal por enfermidade profesional ou accidente, que pasan ao 100% da base reguladora dende o primeiro día; o incremento do salario en prácticas até o 95% do salario ordinario; melloras nas excedencias e en materia de seguridade laboral, así como a incorporación ao convenio do protocolo de agresións.
O mellor convenio de ambulancias de todo o Estado
A CIG quere pór en valor a unidade mantida ao longo desta negociación, malia todas as dificultades que se deron, e destaca que este convenio é o resultado dos acordos acadados a través da presión da folga do ano 2023, que permitiron que, por primeira vez, se negociara de xeito paralelo o marco laboral e as bases dos novos concursos públicos. “Por iso sería erróneo pensar que este é un convenio conseguido sen conflito. Porque foi esa folga e a forza dos persoal traballador do sector quen conseguiu un acordos en 2023 que prepararon este convenio”, incide a FGAMT-CIG.
É o resultado dos acordos acadados coa presión da folga do ano 2023, que permitiron que, por primeira vez, se negociara de xeito paralelo o convenio colectivo e as bases dos novos concursos públicos
Naquel acordo forzouse que as negociacións debían de comezar cun ano de antelación ao remate da vixencia do convenio, “o que permitiu rachar coa dinámica de anos de atraso para asinar o convenio, mentres as persoas traballadoras do sector tiñan conxelados os seus dereitos e perdían capacidade adquisitiva”.
E en segundo lugar impúxose tamén a creación dunha comisión tripartita entre a Consellería de Sanidade, a patronal do sector e as centrais sindicais. Esta negociación circulou en paralelo e nela conseguíronse tamén melloras como a dotación de dous TES por ambulancia na urxencia, o 25% de padioleiros/as no transporte non urxente, a eliminación da categoría de padioleiro/a na urxencia, o segundo TETRA, melloras e unificación de criterios na uniformidade, centros de traballo ou vehículos ou a dotación de novas ambulancias tanto no urxente como no non urxente.
Finalmente a CIG quere parabenizar o sector polo que “é o mellor convenio do sector de ambulancias de todo o Estado e cuxas condicións toca defender desde xa, exixindo o cumprimento de todos os compromisos, tanto en material laboral coas empresas como por parte da Consellería de Sanidade cos acordos acadados sobre a elaboración dos pregos públicos que marcarán o futuro do sector e melloran este servizo público”.