Así manipulan algúns medios de comunicación galegos para ocultar logros da CIG
O acontecido esta semana tras coñecerse unha resolución da Inspección de Traballo que obriga a cooperativa catalá Servicarne a dar de alta no réxime xeral da Seguridade Social a máis dun milleiro de falsos/as autónomos/as galegos/as amosa ben ás claras o funcionamento de boa parte dos medios de comunicación do país, cautivos da publicidade e obsesionados por ocultar e silenciar todo o que teña que ver coa CIG, como xa sucedera tras a convocatoria das pasadas folgas xerais.
Nesta ocasión, os principais xornais optaron por non publicar que foron as máis de 100 denuncias presentadas pola central as que motivaron a decisión sen precedentes da autoridade laboral, cedéndolle o protagonismo a CCOO, sindicato que agora pretende adxudicarse a iniciativa cando dende o inicio actuou de xeito cómplice coa empresa no conflito dos autónomos/as de Frigolouro e coa patronal a nivel estatal durante a negociación do convenio de industrias cárnicas. De feito, os delegados/as de CCOO no comité de Frigolouro foron sempre os máis belixerante coas posicións da CIG durante o conflito.
Este caso foi especialmente grave tendo en conta que o gabinete de comunicación da CIG remitiu a información até en tres ocasións e convocou unha rolda de prensa para explicar os detalles da resolución. Ademais, as axencias de noticias enviaron teletipos recollendo a información achegada pola central, mais os medios tampouco consideraron oportuno publicala.
Casualmente, ao día seguinte da rolda de prensa celebrada o xoves 15 as principais cabeceiras galegas amencían con importantes insercións de publicidade do grupo Coren, a compañía galega que máis persoal de Servicarne utiliza. Pero non incluíron nin unha soa liña sobre a importante decisión da Inspección, a pesar do seu alcance estatal xa que afecta a máis de 5000 traballadores/as no conxunto do Estado.
Curiosamente, xusto unha semana despois si que consideraron oportuno darlle cobertura ao tema, coincidindo coa comparecencia en rolda de prensa dos principais dirixentes de CCOO en Galiza para informar da resolución. En todas as novas publicadas se fai fincapé en que a decisión da autoridade laboral a respecto da falsa cooperativa se produciu a raíz dunha campaña de denuncias que levou a cabo o sindicato estatal. E tampouco aparece nin unha soa liña sobre a CIG a pesar de que é facilmente constatábel que foi a central a que tomou a iniciativa de denunciar as condicións nas que se atopa o persoal de Servicarne.
Os propios responsábeis de CCOO recoñeceron na rolda de prensa que a súa campaña se remonta ao mes de decembro de 2017, cando as primeiras denuncias da CIG se produciron cando menos un ano antes, tal e como se explicita na información ofrecida na rolda de prensa e remitida aos medios de comunicación. Tamén chama poderosamente a atención que nas novas nas que se recolle o contido da rolda de prensa de CCOO non se aproveite para lembrar que a CIG compareceu uns días antes polos mesmos motivos, cando adoita ser unha práctica habitual dos medios.
Malestar e indignación
Por todo isto, dende a central amosan o seu malestar e a súa indignación polo tratamento informativo dos principais medios do país, tanto públicos como privados, a respecto da información achegada pola CIG sobre unha resolución sen precedentes no Estado español e cuxa importancia está fóra dúbida e pesar de que moitos deles non o entenderon así e optaron por deixala fóra das súas axendas até que un sindicato estatal se fixo eco dela. Non sucedeu o mesmo noutros importantes medios do Estado, que si optaron por publicar a información, sobre todo en Catalunya, de onde é orixinaria a falsa cooperativa Servicarne.
Finalmente, denuncian que este xeito de actuar non é para nada casual e responde a unha política estendida entre os principais medios galegos que persigue silenciar as iniciativas dunha central sindical que se caracteriza por apostar polo conflito e a contestación social fronte ao entreguismo e a submisión que representan outras que contan cun trato mediático preferente.