Asembleas e mobilizacións este xoves 1 de xuño contra o V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva
A CIG ten convocadas para o próximo xoves, 1 de xuño, asembleas de delegadas e delegados e mobilizacións nas sete cidades e mais Ribeira en rexeitamento e para enfrontar a aplicación do V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva, asinado por CCOO, UGT, CEOE e CEPYME, o pasado 10 de maio. Un mal acordo polos seus contidos, polas súas renuncias e porque fai concesións a reivindicacións históricas da patronal.
Horas e lugares das asembleas e mobilizacións
A Coruña:
- 10:30h, asemblea no local sindical (Avda. Alfonso Molina).
- 12h, concentración na CEC (Praza de Luís Seoane, Monelos).
Compostela:
- 10h, asemblea no Hotel Compostela.
- 12h, manifestación da Praza de Galiza á sede da Confederación de Empresarios/as.
Ferrol:
- 10h, asemblea no salón de actos do local sindical (r/ Eduardo Pondal).
- 12h, concentración diante de COFER (Cantón de Molíns 8-9).
Lugo:
- 10:30h, asemblea no edificio sindical (Ronda da Muralla).
- 12:30h, concentración na sede da CEL (Praza de Santo Domingo).
Ourense:
- 10h, asemblea no salón de actos do edificio sindical (Parque San Lázaro).
- 12h, concentración diante da CEO (Praza das Damas).
Pontevedra:
- 10h, asemblea no local sindical (Pasantería).
- 11:45h, manifestación do local sindical até a sede de AEMPRE (Virxe do Camiño).
Ribeira:
- 10:30h, asemblea ás no local sindical (r/Estatuto).
- 12h, concentración na Praza do Centenario.
Vigo:
- 10h, asemblea no salón de actos dos Padres Capuchinos (Vázquez Varela, 15).
- 12h, manifestación, desde o lugar da asemblea até a sede da CEP (García Barbón).
O V Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) asinado polas patronais CEOE e CEPYME cos sindicatos CCOO e UGT constitúe un novo capítulo do diálogo social, neste ocasión bipartito, dentro do proceso permanente de pacto social, estatalización e centralización da negociación colectiva en Madrid.
Dende as primeiras liñas do Acordo faise unha aposta polo diálogo social, unha posta en valor e autoxustificación, entendíbel por parte de CEOE-CEPYME pero lamentabelmente asumida e defendida por CCOO e UGT. No repaso que fan ao balance do diálogo social vemos liña a liña a confirmación do entreguismo sindical a reivindicacións históricas da patronal e a axenda dos Gobernos en cumprimento do plano de axuste que a política neoliberal da UE ven esixindo aos Estados, nomeadamente ao español, para acceder aos fondos europeos .
En síntese, un diálogo social que, máis ca nunca, está branqueando, unha vez máis, a ofensiva do capital contra o traballo, que nesta fase histórica iniciada tras a pandemia, está marcada pola caída do poder adquisitivo dos salarios, a extensión ao conxunto da clase traballadora dos baixos salarios, da flexibilidade, inseguridade e inestabilidade laboral, institucionalizando os abusos patronais e a precariedade laboral e a parcialidade do traballo co fomento da contratación fixa-descontinua, traballo a tempo parcial, etc.
En todo caso, estamos ante un novo mal acordo fundamentado na renuncia de CCOO e UGT a facer da loita, da mobilización e da folga na acción sindical e na negociación colectiva a mellor ferramenta para afrontar a actual crise e a inflación descontrolada. De feito, apunta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o establece unha vixencia temporal de 2023 a 2025, deixando fóra os anos 2021 e 2022, “precisamente nos que se ten xerado a maior inflación, dun 12,20%” polo que denuncia que se “agasallan á patronal estes dous anos, xa que no acordo non se contempla ningún tipo de solución”.
Cómpre ter presente que os sucesivos anuncios feitos nos últimos meses de mobilizacións por parte destes sindicatos en realidade eran premonitorios de acordos o diálogo social que significan grandes e graves renuncias ante a patronal, como este Acordo evidencia. O nivel de renuncia chega ao extremo de ver como a CEOE-CEPYME proclaman a paz social co entusiasmo e beneplácito de CCOO e UGT, que asumen a rendición incondicional e absoluta á confrontación e á loita.
Polo tanto, non é esaxeración afirmar que o diálogo social está convertido na fosa común no que se enterran dereitos laborais e socias. Unha nova e grave constatación de como estes sindicatos están domesticados, absolutamente entregados á desmobilización e convencidos da conciliación de clase, da submisión ao poder económico e político.