Asembleas e mobilizacións contra os novos ataques á clase traballadora
A CIG acordou convocar asembleas de delegadas/os e mobilizacións en todas as comarcas o 3 de outubro. A clase traballadora galega enfronta novos recortes de dereitos, aos que a CIG, como sindicato maioritario ten que responder.
O Goberno do PP, de novo á fronte da Xunta, lánzase desatado a repenicar políticas ditadas desde Madrid, máis preocupado pola lei de amnistía que por deseñar medidas que melloren a vida das galegas/os.
O Goberno do PP, de novo á fronte da Xunta, lánzase desatado a repenicar políticas ditadas desde Madrid, máis preocupado pola lei de amnistía que por deseñar medidas que melloren a vida das galegas/os
Co arrinque do curso escolar o Goberno de Rueda apóiase de novo na propaganda, negándose a recuperar o horario lectivo. A redución a só 23 horas en Primaria implica renunciar á demanda do profesorado e faltar a un compromiso que, até outubro de 2023, era unánime e que a minoría sindical –CCOO, ANPE e UGT– traizoou.
Lonxe de resolver a grave problemática da sanidade pública, mantén as súas políticas privatizadoras, mentres a Atención Primaria esmorece a consecuencia de anos de recortes orzamentarios, con listas de agarda de días, co seu persoal desbordado e cun total abandono da atención á saúde mental.
No plano industrial, onde ten as competencias, non asume ningunha responsabilidade, abandonando á súa sorte o sector, cun modelo industrial de enclave, colonial e depredador, como no caso de Altri, e sen articular medidas para dar solución á crítica situación da automoción, máis alá de o seguir alimentando con subvencións públicas.
Un modelo no que conta coa conivencia do Goberno español para o desmantelamento da industria nas comarcas do norte do país, so pretexto dunha transición enerxética que, máis que transición é demolición, e que se repite no caso do sector eólico, onde favorece os abusos das corporacións enerxéticas.
É o sector industrial onde máis se evidencian as políticas espoliadoras e antidemocráticas do PP que pretende facilitar, aínda máis, a explotación dos nosos recursos coa Lei de Beneficios Económicos e Sociais, en trámite parlamentario.
Aferrados ao diálogo social
A nivel de Estado o Goberno aférrase ao diálogo social para presentar como éxitos novos recortes de dereitos pactados cunha patronal botada ao monte e que fai evidente seguidismo do Partido Popular.
O Goberno do Estado aférrase ao diálogo social para presentar como éxitos novos recortes de dereitos pactados cunha patronal botada ao monte
Así, presentou o pasado 31 de xullo unha reforma das pensións que, pola información publicada, dificulta o acceso á xubilación parcial e non resolve as reivindicacións de colectivos laborais que padecen condicións de especial penosidade, perigosidade ou toxicidade, e que foi avalada polos sindicatos españois e a patronal.
Esta modificación, da que aínda non se publicou texto normativo ningún, máis alá da declaración pública, afecta directamente ao dereito a unha xubilación digna, porque todo o que non signifique recuperar a xubilación parcial aos 61 anos, en todas as actividades, constitúe un prexuízo para os dereitos que a clase traballadora xa tiña recoñecidos e que lle foron roubados nas diferentes reformas das pensións encadeadas desde o ano 2011.
Está no aire tamén o debate da redución da xornada laboral, da que se vén de anunciar que o Goberno español pretende untar a pequena empresa para que acepte a súa redución, diluíndose a reivindicación das 35 horas, que é onde tiña que estar realmente o obxectivo, tal e como levou a CIG nas mocións aos concellos na campaña Stop Precariedade.
A carón destas cuestións está tamén a implantación do modelo de Formación Profesional dual e como impactará no mercado laboral, porque todo indica que vai favorecer a explotación desa mocidade que vai entrar nos centros de traballo como man de obra barata.