Asembleas e concentracións en defensa das pensións públicas, este mércores, en todas as comarcas
A CIG ten convocadas asembleas de delegadas e delegados en todas as comarcas para mañá mércores, día 16 de xaneiro e posteriores concentracións en defensa do sistema público de pensións. A central sindical ten convocada ademais unha manifestación nacional para o vindeiro día 26 de xaneiro en Compostela, con saída ás 12:00 horas da Alameda, baixo o lema “Por unhas pensións públicas, dignas e garantidas!”.
Nas asembleas está previsto que as delegadas e delegados da CIG debatan sobre a situación na que se atopa o sistema público de pensións; as razóns polas que son as segundas máis baixas do Estado; que pensións teremos no futuro con menos anos cotizados e contratos temporais e parciais; por que as pensións das mulleres son máis baixas que a media; a discriminación na xubilación parcial e sobre a necesidade de mobilizarse o vindeiro día 26 de xaneiro, para recuperar os nosos dereitos e de facer un chamamento nos centros de traballo ás compañeiras e compañeiros para que participen, porque a demanda do emprego, dos salarios e dunhas pensións dignas é cousa de todas e todos.
Ademais, nas asembleas debaterase tamén arredor da folga de mulleres de 24 horas que a CIG convoca para o vindeiro día 8 de marzo e das mobilizacións previstas para o día 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.
Ao remate das asembleas están previstas concentracións en todas as comarcas.
Lugares e horas
A CORUÑA: 12:00 horas, en EMALCSA, en apoio ao persoal de Valoriza Auga
FERROL: 12:00 h, diante do concello
LUGO: 12:30 h, diante da Subdelegación do Goberno
OURENSE: 11:30 h, diante do INSS
PONTEVEDRA: 12:00 h, na Peregrina
SANTIAGO: 12:00 h, na Praza de Galiza
VILAGARCÍA: 12:00 h, diante do INSS.
VIGO: 11:45 h, saída en manifestación até a Seguridade Social.