Asemblea de delegados/as da CIG en Circet sobre o ERE na concesionaria de Movistar-Telefónica
A CIG celebra hoxe asembleas de traballadores/as e mañá unha xuntanza de delegados/as para abordar o ERE anunciado pola empresa Circet Infraestructuras de Telecomunicaciones, concesionaria do servicio de Movistar-Telefónica en Galiza. A compañía vén de comunicarlle á representación sindical a intención de levar a cabo un despido colectivo de 377 persoas traballadoras no Estado español, 118 delas no noso país, o que supón desfacerse de máis do 30% dos cadros de persoal dos centros de traballo galegos.
Este martes 29 de outubro teñen lugar asembleas de traballadores/as nas catro provincias, mentres que mañá mércores día 30 celebrarase unha reunión en Santiago na que participarán os delegados/as sindicais da CIG na empresa. Nese encontro poñerase en común o abordado nas distintas asembleas e decidiranse as medidas a adoptar de agora en diante unha vez coñecido o anuncio feito pola compañía.
Dende a CIG fan fincapé en que hai escasamente tres meses que Circet se fixo cargo do servizo, “sendo consciente a empresa e asumindo o número de persoas traballadoras do servizo en Galiza, un servizo que se encarga de departamentos tan importantes como emerxencias, Sergas e a propia Xunta”.
Na central sindical entenden que este “descomunal ataque” ás persoas traballadoras supón un intento de desmantelar os centros de traballo e as súas representacións sindicais, “substituíndo cadros de persoal estábeis por pequenas empresas e falsos/as autónomos/as, sen representación sindical, que xa están campando ás súas anchas no sector, favorecendo así a explotación laboral e aforrando en medidas de seguridade, o que está a provocar xa continuos accidentes mortais no sector”.