As Unións Comarcais da CIG celebran este sábado as Asembleas que escollerán as súas direccións para os vindeiros catro anos
As Unións Comarcais da CIG de Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Ferrol celebrarán este sábado 10 de xuño as VII Asembleas Comarcais, nas que se escollerán as persoas encargadas de dirixir a central nestas bisbarras durante os vindeiros catro anos. Destes procesos asamblearios sairán as novas Executivas, os secretarios/as comarcais e os integrantes do Consello Confederal en representación das comarcas. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, participará nos encontros de Vigo e da Coruña.
A Asemblea Comarcal de Vigo, que terá lugar no Centro Cultural e Veciñal de Valadares ás 9.00 horas, celebrarase baixo o lema “Loita obreira nas empresas e na rúa. Non nos resignamos! Por unha Galiza ceive e sen explotación” e nela participarán 460 delegados/as, que escollerán os 12 membros da Executiva, o secretario/a comarcal e os 13 representantes do Consello Confederal, máximo órgano de dirección da CIG entre Congresos. O actual secretario comarcal, Alberto Gonçalves, encabeza a única candidatura presentada. No acto de clausura da Asemblea participará o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
De igual xeito, no caso da Coruña concorre unha soa candidatura que abre Xabier Filgueira Domínguez, que aspira a ser reelixido secretario comarcal. O lema escollido para a Asemblea, que se celebrará no Centro Cívico dos Mallos ás 9.30 horas e en cuxa inauguración tamén intervirá o secretario xeral, é “Na comarca da Coruña, coa CIG somos máis fortes”. Elexiranse tamén os 7 membros da Executiva Comarcal e os 13 representantes da bisbarra no Consello Confederal.
En Lugo-A Mariña tamén hai candidatura unitaria, encabezada por Antonio Niño Saavedra. A Asemblea Comarcal, na que participarán 216 delegados/as, terá lugar no salón de actos do Edificio Multiusos da Xunta de Galiza a partir das 9.00 baixo o lema “Coa CIG somos máis fortes". No encontro escolleranse os membros da comarca no Consello Confederal da CIG (6), a nova Executiva (9) e o secretario/a comarcal.
No que respecta a Pontevedra, o proceso asambleario, que se celebra co lema “Coa CIG somos máis fortes”, realizarase no Pazo da Cultura a partir das 9.30 horas. Tamén se presentou unha candidatura de consenso, que abre o actual secretario comarcal, Marcos Conde Farto. Ademais, escolleranse os 7 membros da Executiva e os 5 representantes do Consello Confederal.
Ferrol, Ourense e Santiago
En Ferrol tamén concorre unha única candidatura, que lidera Manuel Anxo Grandal Anca. O proceso asambleario celebrarase no Centro Cultural Carvalho Calero a partir das 9.30 horas co lema “Coa CIG somos máis fortes”. Del sairán o secretrario/a comarcal, os 7 membros da Executiva e os 4 representantes da Unión Comarcal no Consello Confederal.
Do mesmo xeito, ao proceso asambleario de Ourense presentouse unha soa candidatura, que encabeza Anxo Pérez Carballo. O lugar escollido para acoller a Asemblea, que se celebra co lema "Forza para avanzar", é o salón de actos da Casa Sindical e o comezo está fixado para as 10.00 horas. Escolleranse o novo/a secretario/a comarcal, a Executiva (8) e os mebros do Consello Confederal (4).
A Unión Comarcal da CIG de Santiago-As Rías celebrará a Asemblea na Facultade de Ciencias Políticas ás 9.00 horas para escoller o novo/a secretario/a comarcal, os 9 integrantes da Executiva e os 7 representantes da bisbarra no Consello Confederal. Unha única candidatura concorrerá á Secretaría Comarcal, á Executiva e ao Consello Confederal, todas encabezadas por Pepe Maio Abeixón.