Folga, manifestación e concentracións do persoal de H&M este sábado 8 en Vigo e Pontevedra
As traballadoras dos establecementos de H&M en Vigo e Pontevedra mobilizaranse este sábado 8 de abril coincidindo coa xornada de folga convocada para reclamar o cumprimento do convenio no que ten que ver coa actualización dos soldos e dos pluses e co pago dos atrasos salariais. En Vigo haberá unha manifestación e posterior concentración diante do Marco, mentres que en Pontevedra terá lugar unha concentración ás portas da tenda da rúa Benito Corbal.
As afectadas desconvocaran o paro prevista para o pasado sábado 1 de abril unha vez que a empresa confirmou que cumprirá o convenio colectivo e actualizará os salarios e os pluses a abonará os atrasos pendentes, mais mantiña a convocatoria deste sábado 8, á espera de que se apliquen os incrementos de soldo e se aumenten as xornadas a 40 horas semanais, algo que H&M aínda non fixo.
Polo tanto, as traballadoras irán á folga e aproveitarán para mobilizarse en Vigo e Pontevedra. No primeiro caso cunha manifestación dende o cruce de Vía Norte con Urzaiz ás 11:15 horas que rematará diante do marzo, onde desenvolverán unha concentración a partir das 12:00 horas. En Pontevedra a protesta terá lugar diante da tenda da rúa Benito orbal ás 10:00 horas.
Terceira xornada de folga no H&M de Lugo
Mentres, as traballadoras da tenda H&M do Centro Comercial das Termas en Lugo continuaron este mércores coa folga convocada para reclamarlle á empresa melloras salariais e laborais. Esta é a terceira xornada de folga, que rexistra un seguimento total polo que a tenda permanece practicamente pechada dende o luns, e continuará mañá xoves 6 e o sábado día 8, ante a falta de movementos por parte da compañía e a negativa a asumir ningunha das demandas da parte social.