O persoal de Lacera acorda suspender temporalmente a folga tras conseguir unha reunión coa empresa
As traballadoras e os traballadores da limpeza do Hospital Abente y Lago acordaron suspender de maneira temporal a folga iniciada onte, logo de que a empresa concesionara, Lacera, confirmara por escrito unha xuntanza para o próximo 20 de abril, na que tratar a situación do persoal non subrogado e as posibilidades da súa reincorporación ao servizo.
A data da reunión, que o persoal levaba semanas reclamando sen resposta, confirmouse despois das xestións realizadas ao longo deste mércores polo director de Recursos Económicos da área sanitaria da Coruña. Hai que subliñar que a administración sanitaria só fixo ditas xestións forzada polo peche que o persoal iniciou esta mañá na xerencia do CHUAC, e que abandonou sobre ás cinco da tarde tras confirmarse a xuntanza con Lacera.
Neste senso, o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Pérez, cualifica de inverosímil o feito de que para poder manter unha reunión cunha empresa adxudicataria dunha contrata pública "tiveramos que convocar unha folga e facer un peche nas oficinas do SERGAS".
A raíz deste movemento, por responsabilidade na prestación do servizo e ante as dificultades para efectivizar na práctica a folga polos abusivos servizos mínimos impostos, as traballadoras/as decidiron suspender o paro á espera do que aconteza nesa reunión do día 20.
Mais advirten que, de non cumprir Lacera coas súas obrigas legais, retomarán a folga e levarán adiante todas as accións que sexan precisas para lograr a reincorporación das e dos compañeiros despedidos, que se cubran as ausencias do persoal e que se facilite o material necesario para prestar un servizo de limpeza adecuado.