As traballadoras “invisíbeis e precarias” demandan a “valorización dos traballos de coidados”
Centos de traballadoras participaron esta mañá no VI Encontro de Delegadas da CIG convocado pola Secretaría das Mulleres para pór en común a situación sociolaboral das mulleres en Galiza máis tamén para abordar o tema que centraba a campaña arredor da que este ano se conmemoraba o 8 de Marzo “Invisíbeis e precarias. Pola valorización dos traballos de coidados”. Unha xornada que concluíu cunha manifestación que rematou diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, como responsábel de alimentar a situación que padecen as mulleres do sector.
A loita pola valorización dos traballos de coidados iniciouse xa o pasado xuño e ademais deste 8 de Marzo, centrou as reivindicacións da secretaría das Mulleres da CIG o 25 de novembro e terá continuidade nos vindeiros meses porque, tal e como explicou a secretaria das Mulleres, Margarida Corral, “consideramos urxente dar unha resposta á explotación, invisibilización e á desigualdade”.
Para demostralo, a economista da CIG Natividade López, fixo un percorrido polos datos do informe que xa se presentou a pasada semana e que demostran que no mundo laboral os traballos feminizados seguen sendo sinónimo de oficios precarios, nos que se perciben os peores salarios e en peores condicións laborais, con xornadas parciais, dereitos laborais non recoñecidos, acoso, agresións e precariedade. Sen esquecernos da invisibilidade dos labores de coidados, e de todo ese tempo de traballo realizado de balde, principalmente polas mulleres, pero do que se beneficia o resto da sociedade.
As propias asistentes consideraron máis acaído que nunca o lema e a propia campaña, porque como explicaba Manuela Rodríguez Gamallo, delegada nunha residencia do Consorcio, todas as persoas precisamos nalgún momento das nosas vidas dos coidados, mesmo para poder encarar a morte sen tanto padecemento.
Esta traballadora retratou a dureza de traballar todos os días con persoas maiores dependentes, que precisan de axuda e apoio para todo (ou case todo) e dos riscos psicosociais derivados do estrés “que despois levamos para as nosas casas”. Un traballo non recoñecido nin pola sociedade nin polas administracións, minusvalorado, porque son mulleres quen o fan, precario e con baixos salarios.
Dos riscos falou tamén Marisa Alonso, traballadora dunha Escola Infantil dependente do Consorcio, que denunciou as dificultades que teñen para que se lles recoñeza, ás compañeiras embarazadas, o risco biolóxico ao estar en contacto constante con crianzas que sofren a idades temperás todo tipo de enfermidades víricas ou bacterianas, normais nese momento, pero que poden derivar en problemas de desenvolvemento dun feto. Dificultades que son sempre inadmisíbeis, pero que o son aínda máis cando estamos falando de empregadas do sector público dependentes da Xunta de Galiza.
A explotación nos SAF
A situación laboral nos Servizo de Axuda no Fogar dependentes dos concellos é, tal e como explicaron as traballadoras, aínda máis grave. Así o apuntou Mar Castrillón, traballadora do SAF de Lugo, quen denunciou que as administracións locais sacan as concensións por contías cada vez máis baixas e que as empresas concesionarias repercuten esta redución nos salarios e nas condicións laborais das traballadoras.
Castrillón falou de horarios imposíbeis, ás veces a demanda, de ausencia de baixas por enfermidade laboral e das dificultades derivadas de traballar a domicilio, máis cando, en non poucos casos, as condicións deses domicilios son de abandono.
No mesmo sentido denunciou, Alba Quintela -traballadora tamén do SAF de Lugo, que ademais foi despedida por presentarse pola CIG e defender os dereitos das compañeiras do sector-, a ausencia de prevención de riscos laborais. “Nun centro hai camas articuladas ou grúas, nun domicilio non tes axuda de ningún tipo”, sinalou.
Quintela denunciou ademais as limitacións do servizo de axuda a domicilio para atender a persoas que viven soas e que non son capaces de valerse por si mesmas. “Ir tres veces ao día non garante unha atención digna ás necesidades que ten esa persoa, as administracións tiñan que articular outros recursos para proporcionarlle esa atención”.
Pola súa banda Vitoria Louro, traballadora dunha Residencia de Maiores de Arteixo, dependente do Consorcio pero explotada por unha UTE, explicou que, efectivamente, no seu centro hai grúas, “pero como non hai tempo, non as usas” por mor da cantidade de traballo que teñen que facer.
Xunto a isto denunciou que as traballadoras, ao prescindir a UTE de servizos de lavandaría, carga aínda con máis traballo ás mulleres, porque ademais de atender as usuarias e usuarios, teñen tamén que poñer lavadoras e mesmo pasar o ferro.
O que se agarda das mulleres
Na mesma liña foron moitas das intervencións que se produciron no decurso do Encontro. Intervencións que deron ben conta da situación na que se atopan as traballadoras deste sector especialmente feminizado porque, como ben lembrou Corral, “a meirande parte da poboación considera “natural” que as tarefas de coidado sexan realizadas polas mulleres”.
Por iso sinalou como un dos maiores desafíos para abordar a desigualdade socioeconómica e política que existe, “transformar estes mandatos culturais de xénero que funcionan como coaccións sociais non percibidas como tales e que as persoas asumimos en moitos casos sen cuestionalos, ás veces en contra dos nosos propios intereses”.
Unha violencia que cualificou como “simbólica” que nos leva a unha sobreexplotación das mulleres. “Unha disposición feminina estimulada culturalmente que nos conduciu a unha desigualdade histórica, onde as coidadoras primarias na familia traballan gratis e as coidadoras en centros públicos, privados, ou no mesmo fogar, están mal pagadas e desenvolven o seu labor en situacións de precariedade e mesmo explotación”.
A secretaria das Mulleres da CIG reclamou, por iso, servizos de atención que os fogares non poden satisfacer e lembrou que “o coidado prestado nos fogares é moito maior que o prestado polas institucións públicas ou privadas e o mercado laboral”. Por iso lembrou que “cando falamos de socializar os coidados, falamos de asumir que este é un compromiso colectivo, responsabilidade na que a sociedade debe participar solidariamente”.
Violencia institucional
Fronte a iso, sinalou o Estado e a Xunta de Galiza como culpábeis da precarización de milleiros de mulleres que traballan no sector dos coidados, sexa mediante unha xestión directa por parte da administración pública, ou privatizados por empresas que as escravizan. “Acusamos directamente a todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar, violenta deliberadamente a miles de mulleres no país, dun sistema que converte a miseria de moitas en cartos para uns poucos, que non fai máis que espallar a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos e escraviza as mulleres que neles traballan. Miles de mulleres que son silenciadas, vítimas dunha violencia sistémica, tolerada pola sociedade”.
Denunciou o desmantelamento de empregos de calidade que deberían ser públicos, “para sacar a concurso caterings, SAF, xestión de centros de día, residencias da terceira idade, deixando o rural sen atención primaria, reducindo os recursos da atención especializada, deixando sen recursos o ensino público, os servizos sociais, poxando o prezo do traballo de coidados, sacándollelo ás traballadoras e poñéndoo ao servizo do capital”.
Conclusións do Encontro
Como conclusións do Encontro, a secretaria das Mulleres apuntou as exixencias da CIG para enfrontar esta situación:
- A integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar de todo o persoal que traballe nos servizos de axuda no fogar, universalizando a atención á dependencia con servizos sociais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público.
- Recoñecemento pleno dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados no Estatuto dos e das Traballadoras e a súa integración completa no Réxime da Seguridade Social.
- Que se negocie o convenio dos SAF e se identifique a patronal
- Salarios dignos e adecuados ao grao de responsabilidade que esixe o traballo de coidados.
- Accións formativas específicas para o desempeño dos postos, garantindo o cumprimento da lei de prevención de riscos laborais, recoñecendo as enfermidades profesionais e accidentes de traballo, estabelecendo medidas preventivas e protocolos de actuación ante o acoso e os riscos psicosociais derivados da actividade.
- Derrogación das reformas laborais que precarizaron e empobreceron ás traballadoras.
- Derrogación das reformas do sistema público de pensións, recoñecendo o dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos. O cálculo da base reguladora debe vir determinado polas bases de cotización dun período de dez anos da súa vida laboral. O importe da pensión mínima debe ser equivalente ao do SMI. Deben eliminarse as penalizacións e as discriminacións no acceso á pensión das traballadoras empregadas a tempo parcial e que fagan uso de dereitos de conciliación non retribuídos.
- Reforzar o sistema de prestacións por desemprego, incrementando as contía das mesmas e diminuíndo os períodos de cotización necesarios para poder acceder as prestacións.
- Incremento do salario mínimo interprofesional até acadar o 60% do salario medio. Esta será a única referenza como indicador público para efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social.
- Posta en marcha dun salario de inserción laboral e social para as desempregadas maiores de 18 anos que non cobren outro tipo de prestación pública.
- Fortalecer compoñentes non contributivos do noso sistema de protección social.
- Incorporación dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados (incluída a prestación por desemprego, a cotización por salarios reais e iguais condicións para o cálculo das pensións), con recoñecemento pleno no ET e integración completa no Réxime Xeral da Seguridade Social
- Garantir os dereitos laborais, salarios e condicións de traballo dignas para persoas subcontratadas pola administración pública.
- Facer efectivo o principio de causalidade dos contratos temporais, é dicir, esixir o carácter fixo da contratación agás en excepcións con causas demostrables e xustificadas.
- As traballadoras a tempo parcial teñen que gozar de preferencia para ocupar un posto a xornada completa vacante na empresa, ou aumento de horas antes novas contratacións.
- Non se poderán subscribir contratos a tempo parcial por baixo da xornada mínima, entendendo por contrato a tempo parcial aquel en que a xornada semanal total estea comprendida entre as 20h/semana como mínimo e o 77% da xornada semanal ordinaria fixada no convenio colectivo como máximo.
- Como caso excepcional, en sectores concretos nos que sexa imprescindíbel para garantir a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, poderán realizarse contratos a tempo parcial, sempre e cando se acouten uns máximos e mínimos de xornada.
- Redución da xornada máxima laboral a 35 horas á semana, como medida de reparto do traballo, favorecendo a seguridade e a estabilidade no emprego, así como a asunción de responsabilidades familiares en igualdade.
- Racionalización dos horarios de traballo e do calendario escolar de xeito que sexa compatíbel co calendario laboral das persoas proxenitoras.
- Realizar un rexistro diario da xornada de traballo que inclúa o horario de inicio e remate, con obriga de entrega de copia mensual á representación do persoal.
- Universalizar a atención á dependencia con servizos profesionais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público. Cando a xestión destes servizos sexa por concesión, as empresas deberán cumprir coa igualdade salarial, garantir as mesmas condicións de traballo, coa estabilidade no emprego e cumprir coas súas responsabilidades laborais e administrativas.
- Obrigar por lei a traballar unicamente con currículos “cego”, sen aparecer dados que evidencien o xénero das persoas.
- É preciso que a inspección de traballo extreme a vixilancia sobre as condicións de contratación e traballo para evitar o fraude a explotación laboral.
- Reactivar a campaña de igualdade na inspección de traballo e dotala de persoal con perspectiva de xénero.
- Axilizar e garantir o cumprimento da lei no que respecta á revisión da clasificación profesional e o valor dos traballos, así como, o rexistro dos valores medios salariais.
- persoal cun contrato relevo nas xubilacións parciais, pasará a ter un contrato fixo ao seu remate.
- Crear un complemento ou indemnización mensual por parcialidade para o persoal fixo ou eventual.
- Eliminación das ETT, das empresas multiservizos, da subcontratación en cadea e da figura das mal chamadas “falsas autónomas”