O persoal de Confecciones Guerral mobilizarase para reclamar o pago de salarios tras sete meses sen cobrar
As traballadoras/es de Confecciones Guerral, compañía lalinense do sector téxtil que se atopa en proceso de liquidación, mobilizaranse este sábado día 13 para reclamar o pago de salarios tras sete meses sen cobrar. Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra denuncian que a propietaria da empresa posúe un patrimonio duns 15 millóns de euros e mantén débedas por valor de máis de catro millóns, ademais de co cadro de persoal, con Facenda, Seguridade Social, Xunta, Abanca, Fenosa e distintos provedores.
A protesta terá lugar no quilómetro cero, ao inicio da rúa peonil, a partir das 10:30 horas, e consistira nunha concentración coa que empregadas/es queren denunciar a situación na que se atopan despois de sete meses sen cobrar, a lentitude da xustiza e o silencio da Xunta ante a próxima desaparición da penúltima grande empresa téxtil do Deza, unha comarca que chegou a concentrar as principais firmas do sector.
Dende a FGAMT-CIG lembran que Confecciones Guerral solicitou recentemente a liquidación, polo que un total de 33 persoas (das que 30 son mulleres con antigüidades de 20-25 anos na empresa e algunha delas incluso con máis de 40) quedarán na rúa “nunha situación moi difícil tendo en conta que se atopan nunha idade complicada para atopar un novo posto de traballo”. Neste senso, critican a falta de sensibilidade da propietaria, “que iso si, non dubidou en aplicar a reforma laboral do PP e a Lei Concursal”.