As traballadoras do servizo de limpeza da Xunta de Galiza claman contra a discriminación salarial
"Se non limpamos nós, a merda é para vós", clamaban esta mañá indignadas as traballadoras de Grupo Norte, empresa concesionaria de servizo de limpeza da Xunta de Galiza, no decurso da manifestación coa que rodearon o edificio administrativo de San Caetano. Indignadas porque levan denunciando, desde o pasado mes de maio, a discriminación salarial que sofren por ser mulleres e indignadas tamén porque transcorridos estes meses de mobilizacións semanais aínda non conseguiron que a empresa lles recoñecera o dereito a promocionar á categoría de peón especialista. Dereito que, casualmente, si que se lle recoñece aos compañeiros.
Desde que comezaron as mobilizacións celebráronse 3 xuntanzas coa empresa que, en ningún momento, asumiu o recoñecemento do dereito das traballadoras a acceder á categoría profesional subsanando a desigualdade que se arrastra desde hai anos.
A última proposta que se trasladou ao Grupo Norte, a principios do mes de xullo, contemplaba o recoñecemento inmediato desa categoría profesional para todas as traballadoras con máis de dous trienios de antigüidade, ou como mínimo con esta, de igual maneira que se viu facendo cos traballadores que entraban coa categoría de limpadores.
Canto ao aspecto económico, e para facilitar os termos do acordo, a proposta incluía o establecemento de tramos para abonar a diferenza salarial entre ambas as dúas categorías de cara a acadar o 100% de igualdade salarial a partir do 1 de marzo de 2021.
Porén, malia as facilidades que se puxeron enriba da mesa para ir reducindo as desigualdades salariais e acabar así coa discriminación da que son obxecto as traballadoras, a empresa segue sen recoñecerlles ese dereito.
Lembran que Grupo Norte ten unha concesión da Xunta de Galiza e que esta debería ser a primeira interesada en dar exemplo obrigando á empresa a eliminar calquera clase de discriminación por razón de xénero. Por iso reclaman a súa intervención e por iso tamén continuarán coas mobilizacións. A seguinte está prevista para o día 11 de outubro, diante do Parlamento e de novo diante do edificio administrativo de San Caetano, o día 18.