![Confederación Intersinidical Galega](/assets/cig/2022/logos/cig.png)
As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Boiro conseguen unha paga extra que se chamará “8 de Marzo”
![](assets/images/d/2020-02-10%20mans%20ancianas-6db0979d.jpg)
As traballadoras do SAF de Boiro viñan percibindo salarios sen actualizar desde o ano 2011; non se lle computaba o tempo de desprazamentos entre domicilios, tal e como establece o convenio colectivo, e ademais viñan realizando exceso de xornada que nin se lle computaba nin se lle abonaba.
Diante das súas precarias condicións laborais e salariais, estaban dispostas a ir a un conflito colectivo. Previo a isto solicitaron unha mediación na que, por vez primeira, conseguiron que se lle recoñecera o dereito a percibir unha paga extra, por enriba do convenio de Axuda a Domicilio que, ademais, levará o nome de “Paga 8 de Marzo” e será aboada todos os anos nese mes a partir deste.
Tras deste acordo non só percibirán esa paga extra adicional, senón que ademais actualizáronselles xa o salarios, subiránselles cada ano en función do IPC real e váiselles computar o tempo de desprazamento entre domicilios, o cal supón incrementar as xornadas que, maioritariamente, son a tempo parcial.
A CIG-Servizos de Compostela valora moi positivamente este acordo pola repercusión que poida ter no resto dos SAF, xa que é a primeira vez que se consegue unha paga extra por encima de convenio nun sector tan feminizado como este e cunha grande precariedade laboral.
Os SAF son servizos de competencia autonómica que a Xunta deixa de facer e delega nos concellos que o que fan é licitar a prezo hora por debaixo de convenio, o que repercute directamente nas precarias condicións laborais e salariais das traballadoras.