As traballadoras do SAF de Valdoviño irán á folga polo reiterado incumprimento do convenio por parte de Atendo Calidade

Valdoviño - 20 Out 2023

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Valdoviño irán á folga o vindeiro 3 de novembro para reclamarlle á empresa concesionaria, Atendo Calidade, que cumpra co convenio colectivo no  relativo á xornada de traballo e ás percepcións económicas.

A empresa non está a liquidar correctamente a bolsa de horas trimestral do persoal, nin se están a computar debidamente as horas realizadas, nin se están a retribuír nas contías debidas. Así mesmo, non se actualizou a contía da quilometraxe, extremo este que debido á suba dos carburantes está a ser unha cuestión tremendamente lesiva para o persoal.

No seu momento, a CIG solicitoulle ao Concello de Valdoviño o cumprimento dos pregos do servizos do SAF e que procedese á actualización do orzamento do contrato que os propios pregos conteñen. Pero o Concello de Valdoviño, denuncia a CIG-Servizos, "vén facendo caso omiso de xeito reiterado a esta reclamación".

"A disputa ou discrepancias en torno ao contrato do SAF que o Concello de Valdoviño poida ter coa empresa prestadora do servizo, non pode valer de escusa para o incumprimento da legalidade vixente, por iso exiximos o estrito cumprimento da lei por todas as partes", asevera Francisco Cartelle, secretario da CIG-Servizos de Ferrol.

A folga, que terá carácter parcial, desenvolverase o 3 de novembro das 11:00 ás 13:00 horas e suporá o comezo das mobilizacións "que sexan precisas realizar para que a empresa cumpra con convenio colectivo en todos os seus extremos e se regularice dunha vez a situación do SAF de Valdoviño, permitíndolle ao persoal traballar en condicións dignas". Mais tamén para que se preste á veciñanza o servizo de coidados que merece.

Coincidindo coa folga desenvolverase unha concentración, ás 11:30 horas diante da Casa do Concello de Valdoviño, que ademais está a casos metros das oficinas da empresa concesionaria.