As traballadoras do SAF de Santiago irán á folga en demanda do cumprimento do convenio
O comité de empresa de Servisar, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar do concello de Santiago, compareceu esta mañá ao completo, en rolda de prensa, para anunciar a convocatoria dunha xornada de folga, o próximo 28 de febreiro en demanda de que o concello actúe e obrigue á empresa a cumprir o convenio. As traballadoras demandan ademais que se lles pague o incremento do IPC de 2021-2022; que se estabeleza unha zonificación para reducir distancias; fichaxe personalizada e que haxa un coordinador/a de referencia por zona.
En representación do comité a súa presidenta, Esther Goris, deu conta da precariedade laboral que padecen as traballadoras e das consecuencias que unha xornada de folga ten nas súas economías. Por iso explicou que “este comité non quería a folga, pero obríganos a empresa a ter que ir a ela por non cumprir o convenio colectivo, especialmente na actualización dos salarios do 2021 e do 2022”. Unha decisión que, aclarou, “decidiron as nosas compañeiras”.
Responsabilidade do concello
Goris acusou, en nome do comité, ao concello de abocalas a esta situación, porque malia manter diversas xuntanzas coa concelleira Milagros Castro, non se adoptou ningún tipo de medida coa empresa. Nese sentido, explicou que na derradeira reunión tanto coa concelleira como cos servizos sociais, adiantáronlle que podía chegar este momento e denunciaron que a súa única resposta foi “que o fixéramos en tempo e forma e que avisásemos a empresa”.
Xunto a isto apuntou que actualmente hai moito descontento por parte das usuarias e usuarios co servizo e rexeitou as acusacións do concello que, segundo dixo, lle bota a culpa as auxiliares. Fronte a isto afirmou que “este comité ten claro que non imos cuestionar a profesionalidade das nosas compañeiras e que a culpable da mala calidade do servizo é a empresa Servisar”.
Con todo, Esther Goris estendeu tamén a responsabilidade da actual situación ao grupo Domusvi, ao que pertence Servisar, “unha multinacional solvente que ten as súas auxiliares en Santiago cobrando salarios do 2020”.
A este respecto lembrou que son as únicas traballadoras de toda a comarca nesta situación porque “empresas máis pequenas xa pagaron ás suas traballadoras o incremento do IPC do 2021, os correspondentes atrasos e mesmo a suba do 2022” e denunciou que “esta mesma Servisar no concello de Vigo pagou e aquí non o fai”. Unha decisión empresarial que entenden que é como “represalia por non ratificar o preacordo do novo convenio”.
Precariedade laboral
Para retratar as condicións laborais que enfrontan a diario, a presidenta do comité, subliñou que neste sector as traballadoras están obrigadas a poñer o seu coche particular ao dispor da empresa. Diante disto, na última reunión mantida coa dirección o comité preguntou que farían caso de ter unha avaría e afirmou que “chegaron a respostar que lle pediramos o vehículo as nosas familias, o que nos parece un despropósito”.
Esther Goris reiterou que para evitar esta folga o único que piden é que a empresa cumpra o convenio colectivo porque como denunciou “o noso salario base, a día de hoxe, está a 1042,67€ (brutos), cando foi aprobado a semana pasada a subida do SMI a 1080€”.
Xunto a isto demandou unha boa organización do servizo para resolver o problema de ter que percorrer grandes distancias entre usuarias/os, “indo dun lado a outro do concello, cada día, cos nosos vehículos particulares”. O comité entende que se isto se fixera “repercutiría nunha mellor calidade do servizo evitando desprazamentos innecesarios e aproveitando ese tempo de desprazamento para mellorar a atencióin”.
Reclaman ademais a redución das distancias cunha boa zonificación e unha mellor organización do servicio; a personalización da fichaxe e que esa xornada teña sempre o mesmo horario para cada traballadora, como marca o convenio e exixe a lei.
Actos do alcalde
O comité anunciou tamén que vai participar “en todos os actos públicos que teña o señor Alcalde, para recordarlle a súa responsabilidade neste servizo” e afeoulle a Sánchez Bugallo que presuma, na súa campaña electoral, de 700 usuarias e usuarios atendidos e dunha lista de agarda a 0, “pero non fala dos apuros das traballadoras que atenden a esas persoas usuarias, nin do mal que o pasan día a día”.
A este respecto concluíron lembrando que o pasado 8 de marzo foran premiadas polo seu labor durante a pandemia mais que en lugar de premios o que queren é “que nos den o que é noso” e convocadron a toda a veciñanza compostelá a “acompañarnos a concentrarnos diante do concello o martes 28 as 10 da mañá”.