As traballadoras do SAF de Muxía exixen unha solución definitiva aos reteirados atrasos no abono dos seus salarios
A CIG, como sindicato que ostenta a representación legal do persoal, exíxelle ao Concello de Muxía unha solución definitiva aos reiterados atrasos no pago dos salarios á traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Ante este intolerábel incumprimento, a asemblea de traballadoras acordou iniciar un calendario de mobilizacións. A primeira tivo lugar na tarde deste xoves, coincidindo coa celebración do pleno municipal, ao que acudiron as traballadoras.
O Concello de Muxía está a incumprir reiteradamente o acordo acadado coa representación social en decembro de 2022 polo que se comprometía a inciar de inmediato os trámites para a licitación do servizo. Namentres, até efectivizar a nova adxudicación, a empresa contratada fóra de licitación para prestar o servizo comprometeuse, a súa vez, a adiantar até un mes o salario ás traballadoras para evitar así atrasos no cobro das nóminas, dada a lentitude dos procedementos de abono das facturas por parte do Concello.
Pero a realidade é que o Concello de Muxía incumpre mes tras mes o pago en tempo das facturas correspondentes á empresa, o que está a provocar atrasos no abono das nóminas. O Goberno municipal pon sempre como desculpa a esta situación problemas administrativos (modificacións de crédito, etc) "dos que as traballadoras non son responsábeis, como tampouco o son da xestión e circunstancias políticas do momento".
O secretario da Unión Local da CIG de Cee, Xabier Santos, subliña que Servizo de Axuda no Fogar "é un servizo máis que presta o concello de Muxía, como calquera outro de xestión directa, e as traballadoras que o realizan teñen exactamente o mesmo de dereito a recibir os seus salarios que calquera outra persoa traballadora do Concello e mesmo que o propio alcalde".
Incide en que as traballadoras do SAF "non poden ser moneda de cambio, nin ser utilizadas permanentemente polo Concello como escudo de trifulcas políticas e xogar cos seu salarios no medio doutros impagos de facturas, de non aprobar un orzamento ou doutros actos administrativos".
Por iso, a CIG exixe unha solución definitiva a esta problemática, como sería recuperar a xestión directa deste servizo, xa que ademais de resultar economicamente máis barata para o Concello, remataría dunha vez cos atrasos no pago dos soldos.